Galicia presidirá a Federación Europea dos Camiños de Santiago, á que se incorporan Asís e Vila Pouca de Aguiar
A Federación Europea dos Camiños de Santiago celebrou en Santiago de Compostela unha asemblea na que se rota a presidencia desta e prodúcese a incorporación de novos socios. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, será a presidenta da entidade e adheriranse á esta a municipalidade de Asís, en Italia, e mais Vila Pouca de Aguiar, en Portugal.
A Federación Europea dos Camiños de Santiago foi creada en 2011 e deu soporte ao proxecto Loci Iacobi 2, un proxecto europeo que ten dimensións transnacionais e que pretende a consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo de alto valor histórico por medio do intercambio de experiencias de investigación, promoción e dinamización turística e cultural dos territorios socios do proxecto.
A Federación Europea dos Camiños de Santiago está integrada pola Communauté d’Agglomeration du Puy-en Vélay, en Francia, pola Province de Namur, en Bélxica e mais pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia. A estas entidades, adhírense agora as municipalidades de Asís, en Italia e Vila Pouca de Aguiar, en Portugal.
Dado que a presidencia desta é rotatoria, acordouse que Galicia será o membro que presidirá a federación ata a vindeira asemblea xeral estatutaria. Entre as accións a desenvolver pola federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través do desenvolvemento da web www.SaintJamesWay.eu, a realización de accións conxuntas, a cooperación co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; a cooperación coas universidades dos diferentes países así como coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; a participación no fórum anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, entre outras.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés