Turismo de Galicia e o Banco Etcheverría levan a León a exposición ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago"
Turismo de Galicia e o Banco Etcheverría inauguraron en León a exposición Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago que se expuxo por primeira vez en decembro na localidade francesa de Narbona no marco dos actos conmemorativos do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago.
A exposición está organizada por Turismo de Galicia a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo dentro do convenio de colaboración que mantén co Banco Etcheverría. A mostra poderá visitarse desde o día 3 de marzo na sala municipal de exposicións San Marcelo, na praza San Marcelo da capital leonesa. Alí permanecerá ata o 2 de abril.
A mostra componse de 50 fotografías e un audiovisual de 10 minutos de duración da autoría dos artistas de Monforte de Lemos Manuel Valcárcel, fotógrafo, e Alexandre González, músico. A exposición conta tamén con música orixinal e é o froito da viaxe de ambos artistas galegos a traveso dunhas rutas xacobeas de dilatada historia e tradición. É unha viaxe contemporánea realizada co propósito de impregnarse, cos cinco sentidos alerta, na intimidade duns lugares históricos que forman parte substancial da nosa memoria cultural. A mostra reflicte unha viaxe intensa e moi vivida por Italia, o sur de Francia, o norte de España e a Galicia xacobea seguindo a ruta que fixo San Francisco de Asís no ano 1214 ata Compostela nunha peregrinación moi particular na que ambos artistas se amosan atentos á tradición cultural e á sensibilidade relixiosa que impregnan os lugares e os camiños.
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés