3/out/2013

Turismo de Galicia e AGADIC presentaron o programa “Cultura no Camiño” con 105 actuacións en 42 concellos das Rutas Xacobeas

Turismo de Galicia e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) presentaron o novo programa escénico e musical Cultura no Camiño, que ofrecerá un total de 105 actuacións de teatro, maxia, música e novo circo en 42 localidades galegas situadas nas distintas rutas xacobeas. Organizado en colaboración cos concellos participantes, o calendario de espectáculos dá comezo mañá e esténdese ata finais deste mes de outubro como parte dos actos conmemorativos do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela.

Cultura no Camiño ofrecerá un total de 24 representacións teatrais para público adulto e 22 para público infantil, ademais de 36 actuacións de maxia, 18 concertos e 5 funcións de novo circo. Será, ademais, unha programación cen por cen galega protagonizada por 56 compañías escénicas e grupos musicais.

O calendario coas datas e horas das funcións está dispoñible para a súa consulta na páxina web da Agadic: http://www.agadic.info/Axenda