Turismo de Galicia e a Confraternity of Saint James colaborarán na promoción e difusición dos Camiños de Santiago
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu aos representantes da Confraternity of Saint James, a asociación de peregrinos máis importante do Reino Unido, que agrupa a máis de 2.000 socios e que desenvolve unha das máis destacadas labores promocionais, tanto da Ruta Xacobea en xeral como do Camiño Inglés a Santiago en particular.
John Walker e Marion Marples trasladaron á directora de Turismo de Galicia aquelas liñas de actuación nas que están traballando dende a asociación. A Confraternity é a responsable de gran parte da labor informativa, distribución de credenciais e traballo promocional do Camiño de Santiago en lingua inglesa. Conta cunha das páxinas web máis visitadas -www.csj.org.uk- e tamén con algunhas das publicacións sobre a ruta en inglés das máis utilizadas.
A Confraternity xestiona dous albergues de peregrinos en España, un situado no Camiño Francés, en Rabanal del Camino (León) –en colaboración con outra asociación- e outro en Miraz (Lugo), situado no Camiño Norte. Este segundo proxecto ten sido moi importante para a popularización e promoción do Camiño Norte no mundo anglófono.