30/nov/2012

O Xacobeo e Begano iniciaron hoxe a plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés

O xerente do Xacobeo, José Paz Gestoso e mais o director comercial de Bebidas Gaseosas do Noroeste, S.A., José Picado Carballeira realizaron esta mañá no lugar de Veche, en Abegondo, ao paso da Ruta Xacobea a plantación da primeira das árbores autóctonas que ao longo do día de hoxe realizarán traballadores voluntarios de Begano. Esta acción é resultado dun acordo de colaboración a través do cal Begano se comprometeu á plantación de árbores autóctonas no Camiño Inglés ao seu paso polo Concello de Abegondo. O Xacobeo, pola súa parte, comprometeuse a xestionar os permisos de plantación, tanto coa administración local como cos propietarios dos terreos nos que se realizará a reforestación.

O obxecto destas plantacións é formar pantallas vexetais de xeito que proporcionen sombra aos peregrinos e contribúan á beleza e á posta en valor das rutas xacobeas.

Esta actuación insírese dentro da estratexia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de involucrar a empresas privadas na divulgación, conservación e mantemento dos Camiños de Santiago.