15/out/2012

O Camiño de Santiago cumpre 25 anos da súa declaración como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

O 23 de outubro de 1987 o Consello de Europa declarou ao Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O vindeiro martes cúmprense, xa que logo, 25 anos dese honroso distintivo outorgado á Ruta Xacobea por ser “un dos grandes espazos da memoria colectiva intercontinental” e propoñía “a súa revitalización como base e exemplo para accións futuras en atención ao seu carácter altamente simbólico no proceso de construción europea”.

O Xacobeo organiza tres eventos para resaltar as vodas de prata do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Por un lado, o Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a exposición "Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago Primeiro Itinerario Cultural Europeo".

Doutra parte, e tamén con motivo deste 25 aniversario, o Xacobeo organiza unha mesa redonda no auditorio do Hostal dos Reis Católicos baixo o título "Os Camiños de Santiago en España e Europa 25 anos despois da Declaración de Saint Jacques". A inscrición para participar neste evento pode facerse a través do correo electrónico promocion.cultural@xacobeo.org e mais no teléfono 981 56 40 49. A entrada cubrirase por orde de inscrición ata completar as prazas.

Proxección gratuíta de ‘The Way’

Por último, o Salón Teatro acollerá ese mesmo día un pase gratuíto do filme The Way que acadou un gran éxito de público e de crítica e que volverá a proxectarse en Compostela despois da súa estrea no Ano Santo 2010. A entrada para ver o filme é gratuíta e as 220 localidades poñeranse a disposición do público ata completar aforo dúas horas antes para recoller na taquilla do Salón Teatro, ata dez minutos antes da proxección, e tamén poden reservarse previamente no correo electrónico promocion.cultural@xacobeo.org e mais no teléfono 981 56 40 49 e recollerse igualmente na taquilla. Entregarase un máximo de dúas entradas por persoa.