O Xacobeo publica as actas do VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos
Santiago de Compostela acolleu o acto de presentación das actas do VIII Congreso Internacional de Estudos Xacobeos. Peregrino, ruta e meta nas Peregrinacións Maiores, que se celebrou en outubro de 2010 en Compostela e que serviu para poñer de manifesto o inxente traballo de investigación que o Camiño de Santiago supón para expertos e centros de investigación de todo o mundo.
Con motivo deste encontro, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo vén de publicar un libro de actas cuxa presentación correu a cargo da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, do xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, José Paz Gestoso, e máis do presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci von Saucken.
Na publicación recóllense textos tan interesantes como As tres peregrinacións maiores no Códice Calixtino; de Klaus Herbes; a memoria e semblanza do experto Manuel C. Díaz y Díaz a cargo de Paolo Caucci von Saucken ou Evocacións de Xerusalén na arquitectura do Camiño de Santiago: o Santo Sepulcro e a Santa Cruz, de Javier Martínez Aguirre.