23/xul/2012

Inauguración da exposición “Por fin Santiago”, do artista Alfredo González, no Museo das Peregrinacións

Hoxe venres, 20 de xullo, ás 20.00 horas, terá lugar no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, na Rúa San Miguel número 4, a inauguración da exposición plástica “Por fin Santiago”, do artista asturiano Alfredo González.

A exposición está organizada polo propio museo en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e permanecerá ata o 2 de decembro. 

Esta mostra consta de medio cento de debuxos a pluma e lapiceiros de cores de vistas panorámicas da cidade de Santiago reflectida como meta e final do Camiño,  rematando así cun ambicioso proxecto de debuxar a ruta xacobea, a súa meta e os seus valores,  que o artista iniciara mediante unha exposición das mesmas características sobre o Camiño Francés,  no ano 2009 e no mesmo museo. Naquela ocasión, o Xacobeo contribuíu á edición do catálogo con motivo do Ano Santo do 2010. 

Alfredo González é membro destacado da chamada Escola de Madrid. Os seus debuxos de cidades son coñecidos en todo o mundo e xa plasmou urbes como Madrid, Nova Iorque, París, Sao Paulo, Río de Xaneiro, Moscova, Panamá, México D.F., etcétera.