24/feb/2012

O Xacobeo acude por primeira vez á “Ferie for Alle”, a principal feira vacacional escandinava

Dende hoxe día 24 de febreiro, e ata o domingo día 26, a Xunta de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, estará presente na feira do sector turístico “Ferie For Alle” que se celebra na localidade danesa de Herning e que está considerada como a máis importante feira vacacional de toda Escandinavia.  Con 13 pavillóns e unha superficie de 66.000 m2, está especializada en destinos internacionais, domésticos, cámping, golf e actividades “outdoor”.  No 2011 contou coa representación de 67 países, 1.023 expositores e recibiu máis de 66.000 visitantes.   

O Xacobeo contará cun mostrador específico dentro do stand de Turespaña e ademais do material informativo e promocional propio dos Camiños de Santiago distribuirá tamén información turística de Galicia en xeral.

É a primeira vez que o Xacobeo acude a esta feira e faino con ilusión e boas expectativas de fomentar un mercado en auxe. Efectivamente, segundo datos da Oficina do Peregrino o pasado ano 2011 contabilizáronse 1.644 peregrinos daneses, mentres que o anterior ano de 2010 foran 980.  Deste xeito, Dinamarca xa é un dos países europeos que máis peregrinos aporta, estando no posto 16 do ránking mundial.