A Xunta de Galicia recibe as obras de restauración da fachada da Acibechería da catedral de Santiago
A Xunta de Galicia vén de recibir as obras de restauración da Fachada da Acibechería da Catedral de Santiago, enmarcadas dentro do Plan Director da Catedral redactado pola Consellería de Cultura e Turismo e o Cabido Catedralicio. Esta actuación, que contou cun orzamento total de 150.000 euros, incluíu traballos sobre as fábricas da fachada norte co obxectivo de repoñer a súa imaxe auténtica.Tras a recepción das obras por parte da Xunta de Galicia, estas se entregan agora ao Cabido Catedralicio que, como propietario, asume a responsabilidade sobre o seu mantemento.
Os traballos de protección, restauración e conservación da Catedral de Santiago constituíron unha prioridade para a Consellería de Cultura e Turismo na conmemoración do Oitavo Centenario da Consagración da basílica compostelá. En total, a Xunta destinou en 2011 preto de 800.000 para a rehabilitación da Catedral de Santiago, declarada Ben de Interese Cultural en 1896. Esta partida engloba as intervencións de emerxencia nas torres e cubertas do entorno do Pórtico da Gloria, executadas pola Consellería de Cultura e Turismo para eliminar as humidades que afectan ao grupo escultórico policromado e que foron terminadas o pasado mes de novembro. Do mesmo xeito, a Xunta de Galicia está a completar a restauración da Torre do Reloxo, intervención que será rematada antes de finais de ano.
Estas actuacións inscríbense no Plan de Catedrais da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e obedecen ao Plan Director da Catedral de Santiago, elaborado en colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e o Cabildo da Catedral. Este documento describe o estado de conservación do templo e fai un diagnóstico das patoloxías construtivas e das prioridades de intervención na Catedral.
Fachada da Acibechería
O proxecto da restauración da fachada neoclásica, a máis recente das que presenta o templo, incluíu traballos sobre as fábricas que perseguen repoñer a súa imaxe auténtica, actuando sobre os encintados, reintegracións volumétricas de elementos construtivos pétreos e escultóricos de decoración arquitectónica. Foi a restauración desta fábrica a tarefa máis importante executada, incluíndo a reposición de fragmentos importantes de cantería perdidos, cosido de pezas agretadas, restauración de cornixas para recuperar a súa función de evacuación de augas, eliminación e substitución de grampas de ferro en mal estado, fixación das columnas soltas e recomposicións puntais con morteiro de restauración.
Acompañando a este tema principal procedeuse á limpeza da fachada, retirando vexetación, musgos e algas, tratando as eflorescencias salinas, eliminando as concrecións calcáreas e saneando o rexuntado da fábrica. Outros temas puntuais foron a restauración das pezas escultóricas e os seus elementos de latón carcomidos, a recolocación e selado das lousas do corpo do ático, e a drenaxe exterior dos tramos correspondentes ás sancristías das capelas centrais que dan a esta fachada.
Abordáronse tamén as actuacións na carpintería. Colocáronse unhas novas fiestras de madeira, regularizando a súa colocación na fachada e facilitando esa ventilación continuada, especialmente na primavera e verán, e restaurando tamén as reixas, deixando as inferiores a feixes exteriores. Tamén se restauraron os portóns de entrada e reposto os adornos de latón que faltaban. Ademais, leváronse a cabo os traballos necesarios para eliminar as sales, restaurar e reparar os elementos metálicos, como reixas baixas ou maineis das portas, restauración puntual e pintado das follas de madeira das portas de acceso.
Cubertas pétreas
A intervención de emerxencia nas torres e cubertas do entorno do Pórtico da Gloria para eliminar as humidades que afectan ao grupo escultórico policromado realizouse en tres fases, o levantamento e reposición das cubertas do peche exterior da tribuna e da súa conexión coas torres e peineta da fachada do Obradoiro e revisión e reposición das súas capas internas; a limpeza e reparación dos planos horizontais, bandexas decorativas exteriores, da composición arquitectónica da fachada do Obradoiro, e, por último, a análise das necesidades de substitución das carpinterías mal deseñadas ou con defectos.
Na execución dos traballos faise unha documentación pormenorizada de todos os sistemas construtivos existentes e un control dos factores patóxenos que poden afectar á conservación dos materiais do Pórtico da Gloria, con especial á acción da choiva e das humidades.
Torre do Reloxo
Os traballos de restauración da Torre do Reloxo, cun orzamento total cifrado en 366.137 euros, finalizaranse antes do remate do presente ano. A torre do reloxo da Catedral presenta unha serie de patoloxías que fan necesaria a actuación sobre a mesma para garantir a súa conservación. Estes problemas teñen a súa orixe na acción dos axentes meteorolóxicos, a colonización pola vexetación das xuntas entre as canterías e na degradación de elementos pétreos por diversas causas. As actuacións contempladas no proxecto teñen como obxectivo a restauración da torre, incluíndo principalmente a limpeza, saneamento e selado dos muros, e restauración de varandas e outras pezas de cantería na súa fábrica mural. Incorpórase a actuación sobre a escaleira de caracol, que sufriu un agravamento das súas patoloxías nos últimos anos.