O ciclo Galicia Classics rende homenaxe a Listz cun dos seus mellores intérpretes actuais, o pianista Andreas Haefliger
O ciclo Galicia Classics rende homenaxe a Franz Liszt cun dos seus mellores intérpretes, o pianista suízo Andreas Haefliger, quen actuará mañá ás 20,30 horas no Auditorio Novacaixagalicia de Santiago.
Neste concerto, que se enmarca dentro do Ano da Música de Galicia 2011, Andreas Haefliger interpretará a Chapelle de Guillaume Tell, Le mal du Pays, Vallee d’Obermann e Les cloches de Geneve, de Franz Liszt (1811-1886); e na segunda parte do recital o Molto moderato e cantabile, Andante, Menuetto, allegro moderato e Allegretto, de Franz Shubert (1797-1828). Segundo o xornal estadounidense Chicago Tribune, "a diferenza de moitos virtuosos, Haefliger é, en primeiro lugar, músico, e en segundo lugar, pianista... É un pianista para observar, e máis importante aínda, é un pianista ao que escoitar”.
Andreas Haefliger descende dunha distinguida familia de músicos. Medrou en Alemaña, estudando posteriormente na Juilliard School of Music de Nova York. A súa formidable técnica, así como a súa musicalidade e o seu sentido innato da arquitectura e o fraseo, rapidamente o confirmarán como un pianista de excepción, proporcionándolle a presentación coas principais orquestras americanas, entre elas a New York Philharmonic, Cleveland Orchestra, Los Angeles Philharmonic ou as orquestras sinfónicas de Boston, Pittsburgh, Chicago e San Francisco, entre outras.
Na súa Europa natal, é invitado frecuente de grandes orquestras e dos principais festivais de música, coa Royal Concertgebouw, Rotterdam Philharmonic, Munich Philharmonic, Deutsche Symphonie Orchester Berlin, Budapest Festival Orchestra, Orchestre de Paris, London Symphony Orchestra, Philharmonia Orchestra e Vieanna Symphony. En 1988 debutou en Nova York, desde entón a súa presenza é asidua nos principais festivais internacionais, como Lucerna ou Salzburgo, os PRoms da BBC e no Festival de Viena.
Entre os seus concertos recentes durante a temporada 10/11, cómpre destacar o concerto número 3 de Bartók coa Orquestra de Philadelphia e Jonathan Nott; o Concerto número 2 de Chopin coa Orquestra Sinfónica de Toronto baixo a batuta do director Peter Oundjian (de xira en Montreal e Ottawa); Mozard coa Orquestra Sinfónica de Londres xunto a Guenter Herbig no Royal Festival Hall, e con Tonkuenstlerorchester no Vienna`s Musikverein. No 2012 interpretará a 4ª sinfonía de Beethoven coa London Philharmonic e Chritoph von Dohnanyi, a 1ª sinfonía de Brahms coa Royal Liverpool Philharmonic xunto a Petrenko, e regresará á Orquestra Sinfónica de Sydney con David Zinman. Pola súa vez, na primavera do 2012 actuará no Wigmore Hall co Tokyo Quartet.