26/out/2011

Á venda as entradas para os concertos de Thomas Hampson e de Philippe Jaroussky

O Teatro Colón da Coruña acollerá nos últimos dous meses do ano os concertos de dous grandes intérpretes do mundo da música clásica actual enmarcados dentro do ciclo Galicia Classics, promovido pola Xunta de Galicia no Ano da Música 2011.

O vindeiro 8 de novembro, o teatro herculino acollerá o debut en Galicia do lendario barítono norteamericano Thomas Hampson, que renderá un tributo a Gustav Mahler con algunhas das súas cancións máis célebres. Acompañado do pianista Wolfram Rieger, Hampson interpretará varios dos lieder contidos no seu último disco para a prestixiosa firma Deutsche Grammophon.

Tras a actuación de Thomas Hampson, o Teatro Colón acollerá de novo un gran espectáculo o vindeiro 4 de decembro. Nesta cita, a sala herculina recibirá ao número un dos contratenores da actualidade, Philippe Jaroussky. O cantante francés chegará a Galicia xunto á Orquestra Barroca de Friburgo para interpretar un programa con algunhas das máis coñecidas arias de óperas de Georg Friedrich Händel. Philippe Jaroussky completará a súa xira española cun concerto no Teatro Real de Madrid poucos días máis tarde.

As entradas para estas dúas agardadas citas do ciclo de ‘Grandes Voces’ do Galicia Classics xa están á venta a través do servizo de localidades de Novacaixagalicia.

+INFO: galiciaclassics.xacobeo.es