6/set/2011

Hoxe comeza a exposición de Tomohiro Muda en Hamburgo

Tomohiro Muda é un fotógrafo xaponés que peregrinou dúas veces a Santiago de Compostela fotografando o Camiño e ofrecendo así a súa propia visión del.

Muda declárase amante do románico francés e sobre todo do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación xacobea. 

A exposición inaugurouse en París en 2008, e alí o autor referiuse expresamente ao mosteiro de Vilar de Donas, declarando a fonda impresión que lle causara. Posteriormente itinerou a  Wakayama (Xapón), a Tokyo, onde se expuxo durante tres meses no Museo Aida, a México D.F. e a Santiago de Compostela.

Tomohiro Muda nace en 1956 na Prefectura de Nara, en Xapón. En 1982 empeza a su carreira como fotógrafo independente. En 1988 presenta a súa primeira exposición, “A Terra de Sherpa”, con fotografías que tomou na aldea de Sherpa, no Himalaia.

Máis tarde viaxou  por todo o mundo tomando imaxes de arte xaponesa, románica e bizantina, así como tamén de ruínas budistas e pintura rupestre chinesa, no Borobudur, Angkor e Ajanta. Estas reuníronse baixo o tema “Espazos de oración, formas de oración” en exposicións fotográficas e  publicacións.

Muda tamén expuxo numerosas fotografías como as que compoñen as coleccións fotográficas centradas na “luz” e a “presenza”, que inclúen “Roma”, “O muro do tempo”, “Cara de Ferro” e “Retratos de Poli”, cidade italiana entre montañas.

ITINERANCIAS PREVISTAS NO 2011:

HAMBURGO
06/09/2011 – 07/10/2011
Instituto Cervantes
Organiza: S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
Colaboran: Consulado de España en Hamburgo e Instituto Cervantes de Hamburgo

KIEL
25/10/2011 – 26/11/2011 
Instituto de Lengua y Cultura Españolas 
Organiza: S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
Colaboran: Consulado de España en Hamburgo, Sociedad Germano-Iberoamericana, e Instituto de Lengua y Cultura Españolas