O Camiño en 24 horas
O Camiño de Santiago sempre ofrece grandes retos persoais e colectivos. Algúns incluso acadan a categoría de xesta. E isto é o que pretende unha trintena de ciclistas vascos. Fai unha década, os socios do Club Erandioko Txirrindulari Elkartea conseguiron realizar en 24 horas o Camiño desde Erandio (provincia de Biscaia) deica Santiago de Compostela. Agora, procurarán repetir esta fazaña.
Esta nova aventura, denominada “Erandio-Santiago 2009”, comezará ás 11.00 horas do vindeiro 10 de outubro. Os ciclistas sairán da praza do Concello de Erandio e en 24 horas esperan cubrir 650 quilómetros ata chegar a Santiago de Compostela. Isto significa que manterán unha media de velocidade duns 27 quilómetros por hora.
No Monte do Gozo esperan ser recibidos por un grupo de cicloturistas galegos que lles acompañarán ata a Praza do Obradoiro.
Para cubrir os 650 quilómetros, os ciclistas repartiranse en seis equipos acompañados por autocaravanas de apoio. De xeito rotativo, irán cubrindo as nove etapas nas que dividiron o traxecto.
Esta aventura forma parte das accións que o Club Erandioko Txirrindulari Elkartea realiza a prol da seguridade dos ciclistas e os seus dereitos na estrada. Para iso, organizan eventos como este co lema “Respectanos vivos”.
E é que o Camiño de Santiago é unha das mellores vías para defender e promover unha causa xusta
Outras novas
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés