1/out/2014

Declaración de Santiago de Compostela sobre Turismo e Peregrinacións

Declaración de Santiago de Compostela sobre Turismo e Peregrinacións

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo do Goberno de España, a Xunta de Galicia, os ministros de turismo e mais outras autoridades dos países membros da Organización Mundial do Turismo (OMT), os representantes do sector turístico, sociedade civil, comunidades relixiosas, organismos internacionais, universidades e expertos reuníronse en Santiago de Compostela do 17 ao 20 de setembro de 2014 co gallo do Primeiro Congreso Internacional da OMT sobre Turismo e Peregrinacións. 

Considerando que o obxectivo fundamental da OMT é “a promoción e desenvolvemento do turismo coa intención de contribuír ao desenvolvemento económico, a comprensión internacional, a paz, a prosperidade e o respecto universal, e mais a observancia dos dereitos humanos e as liberdades fundamentais para todos, sen distinción de raza, sexo, lingua ou relixión”, tal como o definen os Estatutos da Organización; 

Tendo en conta que, segundo a definición aprobada polas Nacións Unidas nas Recomendacións internacionais para estatísticas de turismo (2008), o turismo é un fenómeno social, cultural e económico relacionado co movemento das persoas a sitios que se atopan fóra do seu lugar de residencia habitual por motivos persoais ou de negocios/profesionais, e que a relixión ou a peregrinación poden ser un deses motivos; 

Inspirándose no Código Ético Mundial para o Turismo, adoptado pola Asemblea Xeral da OMT en 1999, e referendado pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas en 2001, cuxo artigo 1 pon de relevo que “a comprensión e a promoción dos valores éticos comúns da humanidade, nun espírito de tolerancia e respecto da diversidade das crenzas relixiosas, filosóficas e morais son, ao tempo, fundamento e consecuencia dun turismo responsable”; 

Baseándose nos principios do mesmo Código Ético que salienta que “os profesionais do turismo contribuirán ao pleno desenvolvemento cultural e espiritual dos turistas e permitirán o exercicio das súas prácticas relixiosas durante os desprazamentos”; 

Recoñecendo as conclusións das conferencias internacionais da OMT, como a Conferencia Internacional “Turismo, relixións e diálogo entre culturas”, en Córdoba, España, en 2007, e a Declaración de Ninh Binh sobre Turismo Espiritual, adoptada en Vietnam en 2013, con ocasión da “Primeira Conferencia Internacional da OMT sobre Turismo Espiritual”; 

Lembrando Declaración de Santiago de Compostela adoptada polo Consello de Europa en 1987 que declara o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, establecendo unhas pautas para a recuperación das rutas xacobeas como "un espazo europeo cargado de memoria colectiva e cruzado por camiños capaces de superar as distancias, as fronteiras e as linguas"; 

Facendo referencia á cooperación existente neste eido entre a OMT e a UNESCO, as dúas organizacións do sistema de Nacións Unidas; 

Celebrando no presente ano 2014 o vixésimo primeiro aniversario da Declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, sendo esta a primeira ruta cultural con este distintivo, e recoñecendo os fundamentos conceptuais expostos na Carta de Itinerarios Culturais, ratificada pola Asemblea Xeral do ICOMOS en 2008; 

Eloxiando os inestimables esforzos desempeñados polas institucións públicas, sociedade civil, entidades relixiosas e outros actores que deron como froito unha fonda transformación socioeconómica dos territorios europeos vinculados aos Camiños de Santiago; 

OS PRESENTES: 

Convencidos de que as peregrinacións e as viaxes por motivos relixiosos e espirituais contribúen ao pluralismo cultural, ao diálogo interrelixioso e ao respecto polas crenzas, así como ao desenvolvemento sostible do turismo, ao tempo que son etapas de busca de paz interior e de harmonía co próximo e a natureza que nos rodea; 

Conscientes de que a peregrinación “exterior” cara a un destino non remata ao chegar a un determinado punto, xa que o percorrido “interior” do peregrino prosegue máis alá, ata acadar a súa propia meta espiritual, malia que ambos os conceptos deben ser apreciados dun xeito harmónico, complementario e mesmo necesario; 

Conscientes da necesidade de mellorar a recompilación estatística sobre datos de peregrinacións e viaxes por motivos relixiosos e espirituais, para poder así entender as características e tendencias destes;
 
Atentos aos desafíos urxentes da sostebilidade medioambiental, sociocultural e económica existentes ao longo das rutas de peregrinación e nos sitios sagrados ao producirse un continuo aumento do número de peregrinos e outros visitantes; 

Comprometidos coa necesidade da protección tanto do patrimonio cultural tanxible como da salvagarda do patrimonio intanxible e das tradicións populares intrínsecas ligadas ás peregrinacións; 

FAN UN CHAMAMENTO UNÁNIME A TODOS OS ACTORES INVOLUCRADOS CO FIN DE: 

1. Salientar a valiosa achega das peregrinacións e do turismo sostible ao diálogo intercultural, ao respecto universal polos valores espirituais da Humanidade e ao establecemento da paz e a prosperidade do mundo; 

2. Reforzar a cooperación entre os múltiples actores, co fin de avanzar coa investigación sistemática no ámbito do turismo e as peregrinacións, e fomentar as políticas públicas e directrices inspiradas no Código Ético Mundial para o Turismo, así como as iniciativas no ámbito empresarial, educativo, civil e relixioso; 

3. Consensuardesenvolver e levar a cabo plans de mellora de infraestruturas, xestión de capacidade de carga, seguridade, innovación tecnolóxica, redución da pegada medioambiental, en particular un mellor manexo e procesamento de residuos, resultantes das peregrinacións e actividades turísticas relacionadas; 

4. Fomentar a comunicación multidireccional entre os actores para asegurar que as necesidades dos visitantes, peregrinos e comunidades locais estean satisfeitas, alentando así o desenvolvemento socioeconómico e diminuíndo ao máximo o seu impacto sobre os recursos naturais e culturais; 

5. Respectar aqueles valores éticos e tradicións milenarias das comunidades relixiosas e indíxenas, que contribúen a manter a sostibilidade, a integridade, e o equilibrio das rutas de peregrinación e os sitios sagrados e de patrimonio cultural; e 

6. Alentar novas iniciativas e a creación de redes internacionais que fomenten o intercambio de experiencias a nivel de investigación, capacitación dos profesionais do turismo, promoción, marketing e xestión das rutas de peregrinación, involucrando os grupos relixiosos e as comunidades locais como socios iguais no desenvolvemento sostible do turismo espiritual.

 

doptada de Santiago de Compostela, España, o 19 de setembro de 2014