14/out/2014

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, galardoada co XIX Premio Elías Valiña

O xurado do XIX Premio Elías Valiña, convocado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de galardoar -entre as tres candidaturas presentadas- o galardón á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, pola súa esforzada actividade para promover, difundir, asesorar e colaborar cos peregrinos que dende Xapón se ven motivados a realizar a ruta de peregrinación a Santiago de Compostela, das que se expediron máis de 1.500 credenciais. Así mesmo, o xurado acordou recoñecer o traballo de posta en valor do camiño cunha mención especial para Paolo Caucci, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, catedrático de cultura hispánica na Universidade de Perugia, un dos meirandes coñecedores e estudosos da temática xacobea dende o ámbito científico e responsable dunha grande cantidade de actividades de promoción, difusión e coñecemento dos Camiños de Santiago.

Creada en 2008 e con 230 membros en 2014, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón realiza numerosas actividades de preparación tanto física como práctica para peregrinar a unhas terras que resultan tan afastadas e estrañas para as súas tradicións, e mesmo ten editado unha guía do Camiño Francés en xaponés