22/xan/2015

Firma do convenio para a creación do Centro de Acollida aos Peregrinos en Santiago de Compostela

Turismo de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela asinaron hoxe un convenio de colaboración para a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos en Compostela.

Ante a necesidade de ofertar un espazo de benvida aos peregrinos e mellorar e incrementar así a capacidade de acollida de Santiago de Compostela, Turismo de Galicia, a través deste acordo de colaboración, financiará a rehabilitación do edificio “Asilo de Carretas”, situado na esquina da rúa Carretas coa rúa de Domingo García-Sabell, para acoller este centro de peregrinos.

Grazas á achega de Turismo de Galicia levarase a cabo a redacción do proxecto básico e de execución, a realización das obras de rehabilitación da edificación e a limpeza e adecuación dos xardíns existentes na parcela.

O Centro, que terá unha superficie superior aos 1.400 m2, contará con diversos servizos como unha Oficina do Peregrino, onde poderán recoller a súa Compostela, un salón de actos, unha capela, un centro interconfesional, unha área de información turística, unha biblioteca e centro de documentación xacobeo, unha zona de atención en idiomas, unha área para asociacións amigos do Camiño, etc.