12/feb/2015

Turismo de Galicia repara e mellora o albergue de peregrinos de Xunqueira de Ambía

Situado na Vía da Prata, o albergue de Xunqueira de Ambía foi inaugurado no ano 2000 e, tras a súa reforma no ano 2009, conta cun total de 24 prazas.

Este albergue pertencente á rede pública da Xunta de Galicia e xestionado polo concello de Xunqueira de Ambía, rexistrou, no pasado ano, un total de 1.924 pernoitas das 21.337 rexistradas nesta ruta xacobea.

As obras estiveron encamiñadas a mellorar a habitabilidade do albergue debido a que nas zonas comúns se alcanzaba en verán unha temperatura moi elevada. Desta forma, o albergue mellorou as súas condicións de acollida e ventilación.

Con estas obras preténdese mellorar a calidade das instalacións para que todos os albergues da rede pública do Camiño de Santiago cumpran uns niveis de calidade axeitados.
Nesta liña, a Xunta de Galicia realiza grandes esforzos en conservar e protexer esta rede pública de albergues, que no pasado ano acolleu un total de 336.739 peregrinos, con labores de mantemento, reparación e mellora continuas.

Así, no 2014 Turismo de Galicia investiu máis de 550 mil euros nas obras efectuadas nos 70 establecementos que conforman a rede pública de albergues do Camiño e que ofrecen un total de 3.278 prazas ao longo das distintas rutas xacobeas.