25/feb/2015

Turismo de Galicia e a FGBMP promoverán en 2015 unha nova edición do ciclo “Música no Camiño”

Turismo de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) asinaron un convenio de colaboración para a celebración dunha nova edición do ciclo “Música no Camiño” que contará cun total de 24 concertos.

Deste xeito, os domingos dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro Santiago de Compostela acollerá, despois da misa do peregrino, actuacións de bandas de música populares na Praza da Inmaculada ou no claustro do Seminario Maior de San Martiño Pinario.

Os concertos, que empezarán ás 13:00h, despois da misa do peregrino, durarán aproximadamente unha hora e incluirán unha parte xeral de temática galega, común para todas as bandas, e unha parte específica para que cada unha delas poida introducir as súas propias obras.