29/out/2015

O Camiño de Santiago recibe o Premio Protecturi 2015 pola súa achega á cultura universal e ao patrimonio

O premio institucional Protecturi 2015 concédese ao Camiño de Santiago pola súa achega á cultura europea e universal. A peregrinación a Santiago foi o acontecer relixioso e cultural máis destacable na Idade Media, feito recoñecido polo Parlamento Europeo, que designou ao Camiño Primeiro Itinerario Cultural europeo, e pola UNESCO, que o declarou patrimonio da Humanidade.

Ademais da súa importancia espiritual, o Camiño de Santiago reúne unha paisaxe natural excepcional e un patrimonio histórico de primeira orde xa que no seu percorrido, como indica a porpia UNESCO existe a posibilidade de coñecer:

  • Os Mosteiros de Yuso e Suso que se encontran en San Millán de la Cogolla (A Rioja), a menos de dez quilómetros do paso do Camiño Francés pola localidade de Cirueña.
  • A Catedral de Burgos como un dos mellores exemplos do gótico español e a única catedral declarada Patrimonio da Humanidade por si mesma en España.
  • Atapuerca, o depósito paleontolóxico máis importante de Europa, a uns 20 quilómetros de Burgos.
  • A Ponte colgante de Biscaia. Trátase da ponte transbordador máis antiga do mundo e, malia ser do século XIX, continúa en pleno funcionamento. A ponte une Portugalete con Getxo, en Biscaia (País Vasco) e o Camiño do Norte pasa por ambas as dúas localidades.
  • Arte rupestre paleolítica da Cornixa Cantábrica, composto pola Cova de Altamira e outras 17 que se reparten polas rexións de País Vasco, Cantabria e Asturias. As súas pinturas teñen ao redor de 14.000 anos de antigüidade e a maioría das cavidades están moi preto da ruta do Camiño do Norte. Deste modo, a máis importante, Altamira, áchase en Santillana del Mar, onde poderás visitar o seu Museo e unha réplica a tamaño real da cova.
  • Os Monumentos de Oviedo e do Reino de Asturias son importantes mostras do pre-románico na arquitectura relixiosa de España. Encóntranse ao pasar co Camiño Primitivo pola cidade de Oviedo (Asturias), onde están as igrexas de Santa María del Naranco, San Miguel de Lillo e San Julián de Prados.
  • As Murallas romanas de Lugo: destacan porque conservan intacto todo o seu perímetro, sendo o mellor exemplo das últimas fortificacións romanas na Europa occidental.
  • A Cidade Vella de Santiago de Compostela é a meta do Camiño de Santiago cunha das zonas urbanas máis fermosas do mundo, segundo a propia UNESCO. A cidade foi reconstruída no século XI e xira en torno á súa impoñente Catedral. Destaca o ambiente das súas rúas entre edificios románicos, góticos e barrocos.

Ademais destes puntos clave do Camiño de Santiago, tamén preto se encontran outros moitos bens declarados Patrimonio da Humanidade como as mostras da Arte Mudéxar de Aragón, a Torre de Hércules na Coruña (Galicia), ou as cidades vellas de Salamanca, Segovia e Ávila; e grandes espazos naturais como Las Médulas (León) e Los Pirineos (Aragón).