2/Jul/2015

O VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela chega a súa fin tras dous anos de dinamización cultural

A conmemoración da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Galicia ven celebrando dende mediados de 2013 chegou á súa fin.

Este extraordinario período dedicado ao aniversario da memoria da viaxe de San Francisco, pero fundamentalmente ao seu legado a nivel iconográfico, artístico e de patrimonio inmaterial, foi clausurado nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o Ministro Provincial dos Franciscanos, José Antonio Castiñeira.

O alcance global da peregrinación a Santiago de Compostela e a popularidade ecuménica do Santo de Asís converteron esta conmemoración nun evento de alcance internacional que uniu as sensibilidades xacobea e franciscana.

O amplo programa celebrado no marco desta conmemoración que incluíu todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.

Celebraronse numerosas exposicións que recibiron máis de 270 mil visitantes e converteron Galicia no epicentro cultural durante este período de celebración.

Galicia tivo a oportunidade de albergar grandes citas congresuais como o Congreso Internacional sobre Turismo Peregrinacións e da OMT, a reunión do Consello Executivo da OMT ou o Primeiro Encontro Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago.

Esta efeméride déixanos ademais como legado un total de 20 publicacións e a restauración de pezas de grande valor que recuperaron o seu esplendor como o Pazo de Xelmírez, a Cruz de Allariz e o Retablo de Santo Antonio de Herbón.

O Oitavo Centenario tamén foi música e teatro, xa que a través de programas como Cultura no Camiño máis de 170 concellos galegos puideron gozar de 700 actuacións.