IGREXA PARROQUIAL DE SANTIAGO DE BARBADELO
Localización
Parroquia: Barbadelo (Santiago)
27616 Sarria - Lugo
Coordenadas: 42º 45' 54.0" N - 7º 27' 02.0" W
Fitos do Camiño
Preto do río Barbadelo, nunha bela contorna, aséntase entre os séculos X e XI un mosteiro dúplice, que logo pasaría a depender de Samos, en cuxa órbita se mantén ata 1835. Na segunda metade do XII érguese a igrexa sobre a anterior fábrica do priorado. Consérvanse aínda vestixios da construción monacal; así, pode verse á beira da igrexa unha edificación aínda coñecida como “o mosteiro”, que pasou a ser propiedade particular coa Desamortización.
A igrexa románica, de nave única, experimenta numerosas modificacións. No século XVIII cambiou a ábsida orixinal por outra cuadrangular con sancristía apegada. Baixo o tellado desta consérvase o que se interpreta como restos do antigo hospitaliño para peregrinos, unha cociña alta e unha cheminea francesa. As fachadas oeste e norte manteñen as súas portadas románicas, nas que destaca a decoración dos seus capiteis, con motivos zoomórficos, antropomórficos e fitomórficos; na chambrana da porta setentrional obsérvase decoración de sogueado. Na portada oeste pode verse unha decoración xeométrica, axadrezado, en beiril e chambrana, e besantes na arquivolta central; pero o que a singulariza é a ornamentación figurativa do tímpano e lintel, de carácter simbólico. Unha imaxe de brazos abertos, que parece convidar á oración, centra o tímpano e é flanqueada por dous bloques nos que aparecen dúas figuras xeométricas con forma de estrela.
Outro elemento destacado da fachada principal é a torre románica situada no ángulo noroeste. Divídese en tres corpos e chama a atención a súa inusual arquitectura interior. Dentro da igrexa, a torre perfílase coma unha estrutura que lles achega lixeireza e beleza aos muros; lixeireza, polos vanos cos que se abren os seus muros leste e sur, perdendo así o seu carácter macizo, e beleza, pola decoración dos capiteis das columnas nas que se apoian os arcos de medio punto destes vanos.
Foi declarada Monumento Nacional en 1976.