IGREXA DE SANTA MARÍA DE DODRO
No Camiño de Santiago
Localización
Parroquia: Dodro (Santa María)
Lugar: A Igrexa
15981 Dodro - A Coruña
Coordenadas: 42º 43' 02.1" N - 8º 41' 17.9" W
Descrición
Esta igrexa ten un grande interese como exemplo de parroquial rural proxectada por Simón Rodríguez por mor da peculiar solución de cuberta en forma de vieira ou cuncha nas dependencias laterais da capela maior e, tamén, polo retablo principal (de 1740) de deseño e talla compostelán, o cal tamén pode atribuírse con toda seguridade a Simón Rodríguez. Ten planta en cruz latina, con nave única de dous tramos, situándose sobre o último a tribuna. Cruceiro cun tramo e capela maior rectangular. Detrás do presbiterio atópase a sacristía, tamén de planta rectangular. A nave da igrexa e o presbiterio cubríase cunha bóveda de canón, ó igual que os brazos do cruceiro, onde se emprega a bóveda de aresta. Os nichos da capela maior se pechan con bóveda en forma de grandes vieiras. En canto a fachada principal, responde ó mesmo criterio de sinxeleza que o interior. A porta ten unha grande riqueza de molduras e está coroada por un frontón triangular interrompido por unha fornela en forma de vieira que preside a imaxe da Asunción. No lado norte levántase a torre-campanario, de base cuadrangular e triplo corpo, pechándose en planta octogonal rematado nunha pequena cúpula con nervios sobresaíntes. Todo elo responde a unha libre interpretación do deseño de Simón Rodríguez. A igrexa foi restaurada no ano 1992, co arranxo da bóveda e do tellado e a colocación dun novo piso de pedra.
Estilos
Estilo arquitectónico: Barroco
Acceso
Dende a Casa do Concello na AC-305 (Pk 2,9) collemos a estrada con dirección Padrón e a 1,3 Km á esquerda está a igrexa.
Camiños de Santiago
Camiño Portugués
Camiño Portugués da costa
Ruta do Mar de Arousa e Ulla