Axenda de Eventos

Festa/Feira popular
Festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas
Do 17 ao 21 xullo | Bouzas Vigo
Comeza:
17 xullo | 11:00
Remata:
21 xullo | 00:00
Onde:
Bouzas Vigo

Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia en 2004, a festa do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas conta cun grande arraigo popular no seu contorno. Durante cinco días celébranse distintos actos, entre os que destacan o pregón, a regata internacional de faluchos (embarcacións tradicionais de vela latina), a procesión e o Festival Poético Piro-Musical "Cidade de Vigo - Vila de Bouzas", que adoita retransmitir en directo Televisión de Galicia. Verbenas, concursos de redacción e pintura e torneos deportivos completan a programación festiva. O domingo pola noite, os veciños de Bouzas, antiga vila pesqueira, anexionada ao municipio de Vigo en 1904, acompañan ao Santo Patrón, a ombreiros dos portadores, nunha procesión na que participan tamén as autoridades. A este solemne acto, seguido por milleiros de persoas, séguelle a gran tirada de fogos de artificio. Desde os peiraos de Bouzas e os miradoiros de Vigo –Paseo Alfonso, montes do Castro e da Guía– o espectáculo sobre a ría de Vigo é admirado por un inmenso xentío.

Destacado: Festival pirotécnico.

Tipo de evento: Festa/Feira popular  |  Festa de interese turístico
Entrada: Entrada de balde