12/mar/2014

A primeira Travesía Náutica Xacobea chegará a Galicia este verán para conmemorar "De Asís a Compostela, 1214-2014"

Turismo de Galicia, en colaboración con Asnauga – A Asociación de Clubs Náuticos de Galicia - organiza a primeira travesía náutica Xacobea, unha das actividades centrais do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago que percorrerá máis de 1.500 millas náuticas na súa Ruta Mediterránea e que recalará en 14 portos de Italia, Francia, España e Portugal, antes de chegar a Galicia.

Esta peregrinación náutica que se celebrará no mes de xullo e que ten por obxecto rememorar a Traslatio do corpo do Apóstolo Santiago ata Galicia por mar, así como a propia peregrinación do santo de Asís, ao tempo que se realiza esta viaxe única en Europa polas súas características.

A peregrinación estará formada por dúas rutas que confluirán nas Rías Baixas galegas: unha Ruta Atlántica –que sairá de Inglaterra, Irlanda e Francia- e mais unha Ruta Mediterránea que partirá de Xénova, en Italia. As dúas rutas náuticas confluirán nas ría de Arousa, dende onde os seus participantes se desprazarán para chegar a Santiago de Compostela, percorrendo a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

A peregrinación está aberta a dous tipos de flota: embarcacións a vela de particulares que poidan realizar a viaxe en todo ou en parte, e goletas que levarán pasaxeiros durante a travesía. En total mobilizaranse máis de 170 participantes nas embarcacións que realicen o percorrido entre Xénova e Galicia, ademais dos que participen no segundo percorrido entre Ribadeo e as Rías Baixas.

A inscrición na Travesía Náutica Xacobea é gratuíta para as embarcacións e poderase obter máis información sobre o evento na páxina web de Asnauga (www.asnauga.com) e mais en Turismo de Galicia (http://turismo.xunta.es).