Ponte medieval do Burgo, Culleredo
Camiño Inglés
Etapa: A Coruña - Bruma
Os peregrinos procedentes de Inglaterra ou de Flandres, orientados pola Torre de Hércules —o célebre faro de orixe romana—, arribaban ao porto da Coruña. A cidade debúxase sobre unha fermosa península, trazada entre os ventos atlánticos e toda a forza da luz do mar.
A Coruña- O Burgo
A Coruña debúxase sobre unha fermosa península, trazada entre os ventos atlánticos e toda a intensidade da luz oceánica. O Camiño comeza no centro histórico, na igrexa románica de Santiago, a uns dous quilómetros do emblemático faro. Continúa ata a Porta Real, moi preto da Praza de María Pita, e segue cara aos Cantóns pola fermosísima avenida da Mariña. Logo discorre polas rúas Sánchez Bregua e Linares Rivas ata Catro Camiños e continúa polas rúas Fernández Latorre e Pérez Ardá, cara ao barrio de Eirís. A ruta coincide co Camiño Real de Castela. Saímos do municipio coruñés e entramos, polo lugar do Portádego, no termo municipal de Culleredo.
A Coruña - O Burgo
O Burgo- Ponte da Xira
Tomamos o paseo marítimo do Burgo, un antigo porto pertencente á Orde do Temple. Neste tramo, gozaremos coa visita á igrexa románica de Santiago e aos muíños da Acea de Ama, construídos orixinariamente polos monxes de Sobrado no século XII.
O Camiño Inglés segue ata Alvedro, baixa ata a ponte medieval da Xira, sobre o río Valiñas, e entra no municipio de Cambre.
O Burgo - Ponte da Xira
Ponte da Xira- Sergude
Sáennos ao paso dúas parroquias; por un lado Sigrás, cunha igrexa románica, onde se aprecia o perfil dun castro —poboado prerromano—, e a cuxos pés se construiría un hospital de peregrinos; e, por outro, Anceis. Paga a pena desviarse á capital municipal de Cambre e visitar a súa igrexa construída cara ao ano 1200. Garda no seu interior unha hidria das vodas de Caná, que é unha vasilla importada de Xerusalén posiblemente por un templario de Santa María do Temple. Continuamos ata Sobrecarreira, o pazo de Anceis (século XVII) e cruzamos o norte do municipio de Carral polas parroquias de San Martiño de Tabeaio e os núcleos do Corpo Santo, Belvís, Sergude e Cañás.
Ponte da Xira - Sergude
Sergude- Sarandós
A seguir, entramos no municipio de Abegondo e no lugar de San Xoán de Sarandós.
Sergude - Sarandós
Sarandós- Bruma
O Camiño pasa polo Rueiro e regresa un tramo polo termo municipal de Carral, onde cruza O Peito e As Travesas, e continúa atravesando O Mesón do Vento, localidade do municipio de Ordes que dista un quilómetro de Bruma.
En Bruma, pertencente ao concello de Mesía e onde se sitúa o albergue, existen restos do antigo hospital de peregrinos de orixe medieval, vinculado ao Hospital de Santiago (hoxe, Hostal dos Reis Católicos).