A credencial do peregrino debidamente selada para conseguir a Compostela
A credencial do peregrino e a Compostela
A credencial é o pasaporte do peregrino que debe ser selado en cada etapa. E a Compostela é o documento que acredita o remate da nosa peregrinación.
A credencial do peregrino é unha especie de pasaporte que debe ser selado en cada etapa da ruta. Ten a súa orixe no documento que, durante a Idade Media, se lles entregaba aos peregrinos como salvoconduto. Debemos selala polo menos dúas veces ao día nos últimos 100 km (para o caso dos peregrinos a pé ou a cabalo) ou nos últimos 200 km (para os peregrinos ciclistas), ou ben en 100 millas náuticas navegadas e realizar a pé os últimos quilómetros do Camiño desde o Monte do Gozo. A única credencial oficial e válida é a expedida pola Oficina do Peregrino (Contacto: credencialesperegrinos@catedraldesantiago.es, ou oficinadelperegrino@catedraldesantiago.es)
Para conseguir a Compostela non se necesita realizar o Camiño de forma continuada no tempo, pero si xeograficamente
Permite o acceso aos albergues e serve como certificación de paso para solicitar, ao final da nosa peregrinación, a Compostela. Pódese obter no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, situado na Rúa Carretas número 33. Pode obterse tamén na sede de cofradías de peregrinos, en albergues e en parroquias. Tamén nas asociacións de amigos do Camiño de Santiago repartidas por todo o mundo (cómpre presentar o un documento de identificación).
Coa credencial do peregrino debidamente selada en cada etapa da ruta, e se se percorren polo menos 100 quilómetros a pé ou a cabalo, ou 200 km en bicicleta (ou ben 100 millas náuticas navegadas e realizar a pé os últimos quilómetros do Camiño desde o Monte do Gozo), pódese obter a Compostela no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, situado na Rúa Carretas número 33.
Para contabilizar eses quilómetros mínimos necesarios, a Oficina do Peregrino establece un lugar concreto en cada Camiño. No caso do Camiño Francés, o punto de inicio sería Sarria ou Barbadelo para a peregrinación a pé, e Ponferrada para os peregrinos que vaian en bicicleta.
A Compostela poderá solicitala calquera persoa física, mesmo se é menor de idade, sempre que vaia acompañada dos seus pais ou en grupo, e con capacidade para comprender a natureza espiritual do Camiño.
Para conseguir a Compostela non se necesita realizar o Camiño de forma continuada no tempo, pero si xeograficamente. É dicir, podemos planificar a nosa ruta por exemplo nas fins de semana, pero sempre deberemos retomala no lugar onde a deixamos, pois saltar un tramo do Camiño invalidaría a posibilidade de obter o certificado.
Aqueles peregrinos que decidan seguir a ruta ata Fisterra ou Muxía poderán seguir selando a súa credencial (se teñen espazo nela) ou ben obter outra, concretamente na Oficina de Información ao Peregrino situada na rúa Carretas, número 33, ou ben nos propios concellos de Fisterra ou Muxía, pois estes expiden un documento que acredita a peregrinación.
E, desde marzo de 2014, a Oficina do Peregrino concédelles ademais a todos os peregrinos que o soliciten un certificado de distancia, que é un documento no que constan con precisión os días e os quilómetros da súa peregrinación, e no que se consigna o día e o punto de inicio desta, a ruta elixida e a cantidade de quilómetros percorridos.