Robert Plötz

CV

(Nuremberg, 18-07-1942 / 26-08-2017) Cursou estudos de Xermanística, Historia, Filosofía, Etnoloxía e Pedagoxía do deporte na Universidade de Würzburg (1963-1969), e traballou como profesor axudante na cátedra de Xermanística e Etnoloxía da mesma Universidade. Desde 1971 ata 1977 desempeñou o cargo de Lector de Alemán na Universidade de Oviedo (Asturias) e, de 1979 a 2007, ocupou a posición de director do Niederrheinsches Museum für Volkskunde und Kulturgeschichte en Kevelaer (Baixa Renania).

De 2008 ata 2013 traballou como profesor docente para Historia de Franconia (cátedra de Historia Medieval) na Universidade de Würzburg e participou en moitos cursos de verán e congresos en Europa e os EEUU.

Xa en 1985 formaba parte do comité científico que organizou para Europalia a exposición “Santiago de Compostela. Mil ans de pèlerinage euopéen”, e durante os anos seguintes participou na comisión que formulou, por encargo do Consello de Europa, a Déclaration de Saint-Jacques de Compostelle. Así mesmo, a partir de 1992, e durante 25 anos, foi un membro moi activo e absolutamente decisivo do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia.

Ten numeras publicacións sobre historia da cultura e tradicións populares, pero sobre todo estudos sobre peregrinos e peregrinacións. A el debemos tamén unha infinidade de artigos, relatorios e obras de referencia, entre as que cómpre salientar Camiñaron a Santiago. Relatos de peregrinación ao “fin do mundo”. Na devandita obra, escrita conxuntamente con Klaus Herbers, ambos os autores ofrécennos as claves e os fitos da literatura odepórica compostelá desde Künig von Vach a Arnold von Harff, de Leo de Rozmital a Nicola Albani.

Foi durante 25 anos presidente da Deutsche St. Jakobus-Gesellschaft (1987-2012) e, en 1999, recibiu a Medalla de Ouro da Cidade de Santiago de Compostela; en 2002, a Medalla de Prata da Xunta de Galicia; e en 2004, a Cruz de Mérito de Alemaña.