Ad Limina

Revista de investigación do Camiño
de Santiago e as peregrinacións

Números anteriores

CIE   APECSA

 

Ad Limina (ISSN versión impresa: 2171-620X; ISSN versión dixital: 2659-5885; DL: C 1179-2010) está incluída nos seguintes índices e bases de datos nacionais e internacionais: ERIH PLUSDOAJ, SCOPUSEBSCOCIRCCARHUS Plus+ 2025 (con nivel A), ANVUR (Revista Científica Área 10), LatindexMIARDialnetRebiun, OCLC-World CatRegesta ImperiiGoogle ScholarSCILIT e AskBisht.

ERIH PLUS    DOAJ   SCOPUS  SCOPUS  ANVUR

Obxectivos e alcance

Ad Limina é unha revista financiada integramente e editada pola Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia-S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Posúe un carácter multilingüe ‒admite e publica textos nas principais linguas oficiais da Unión Europea‒, así como unha clara vocación interdisciplinar e internacional que lle permite dirixirse a un amplo espectro de investigadores de calquera nacionalidade.

Os contidos de Ad Limina agrúpanse ao redor de dous eixes: Santiago e a civilización da peregrinación en xeral. A revista propicia a publicación dos estudos que tradicionalmente tiveron cabida na maior parte das obras científicas xacobeas, particularmente as investigacións sobre historia, arte, iconografía, literatura, arqueoloxía ou liturxia, pero tamén se tenta promover a presenza de campos menos frecuentados, como a antropoloxía, xeografía, medicina, lexislación, paisaxismo ou o medio ambiente, que nos últimos anos se foron sumando a este eido de estudo. A través da difusión e cobertura dos diversos campos enunciados, a publicación trata de fomentar a investigación xacobea no maior número de áreas posible, cunha especial sensibilidade cara ás novas liñas de investigación.

Ad Limina conta cun Consello Editorial, conformado polo seu director e un Consello de Redacción constituído polos membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como por un Coordinador, nomeado por ese mesmo Consello de Redacción, que exerce a función de editor científico de cada número. Posúe ademais un amplo Consello Científico, integrado por recoñecidos especialistas de diversas nacionalidades, ademais dun amplo grupo de avaliadores científicos externos ou "referee".

Ao rigoroso control da calidade e carácter inédito dos traballos presentados súmase o respecto ás normas fixadas polos organismos científicos competentes para asegurar o rigor e mérito das obras científicas: a publicación de resumos ou abstracts e listas de palabras clave en lingua inglesa, e mais a creación dun portal en rede da revista.

Deste xeito, Ad Limina asume o compromiso de acatar e adoptar as normas internacionais para a avaliación e indexación das publicacións científicas, co fin de corresponder a un ulterior control de calidade e, así, estar presente nos principais índices de impacto, como DOAJ e SCOPUS.

O obxectivo último da revista é garantir o futuro das investigacións xacobeas, piar fundamental da revitalización das peregrinacións a Santiago que estamos a vivir.

No ano 2020, co obxectivo de ampliar a variedade temática e impacto científico de Ad Limina, o seu Consello de Redacción inaugurou unha serie de números e seccións monográficas, supervisadas por un coordinador convidado (Guest Editor), que se elixe de entre as distintas propostas recibidas. Ademais, desde 2023, para garantir a total difusión e apertura destes monográficos ao mundo académico, a revista publica un Call for papers, no que se especifica o tema xeral do próximo volume en preparación e convídase a calquera estudoso para achegar algún artigo.

 

Estrutura e funcionalidades da web

O site de Ad Limina atópase dentro da páxina oficial do Camiño de Santiago en Galicia (www,caminodesantiago.gal), que depende da Xunta de Galicia.

Na súa páxina de inicio, adaptable a dispositivos móbiles, ademais de toda a información relativa á revista, móstrase destacado o último número e, á súa dereita, un carrusel que contén os anteriores. Ao clicar sobre calquera dos números facilítase o seu sumario, e cada unha das epígrafes é unha ligazón que leva aos metadatos do artigo buscado. Todos os artigos (e volumes) pódense descargar en formato pdf.

  • Editor: Turismo de Galicia/S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
  • Consejo de redacción: Comité Internacional de Expertos del Camino de Santiago de la Xunta de Galicia
  • Director: Manuel Antonio Castiñeiras González (Universitat Autònoma de Barcelona e Presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago)
  • Secretario: Francisco Singul (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, España)
  • Vogais (Comité Internacional de Expertos del Camino de Santiago de la Xunta de Galicia): Maria José Azevedo Santos (Universidade de Coimbra, Portugal); Klaus Herbers (Universität Erlangen, Nürnberg, Alemaña); Adeline Rucquoi (Centre de Recherches Historiques, CNRS-EHESS, Francia); Alison Stones (University of Pittsburgh, EE.UU); Peter Rückert (Hauptstaatsarchiv Stuttgart, Baden-Württemberg, Alemaña); Philippe Picone (Université catholique d’Angers, Francia); Jacopo Aldighiero Caucci von Saucken (Università degli Studi di Firenze, Italia); Marco Piccat (Università degli Studi di Trieste, Italia); Paulo Almeida Fernandes (Museu de Lisboa, Portugal); Piotr Roszak (Nicolaus Copernicus University in Toruń, Polonia); Javier García Turza (Universidad de La Rioja, España); Melchor Fernández Fernández (Universidade de Santiago de Compostela, España); Renata Cristina de Sousa Nascimento (Universidade Federal de Goiás, Jataí, UFG, Pontifícia Universidade Católica de Goiás, Brasil); Carmen Cardelle de Hartmann (Universität Zürich, Suíza); Christophe Alcantara  (Université Toulouse 1 Capitole, Francia); Franciszek Mróz  (Pedagogical University of Cracow, Polonia); Francisco Singul (S. A. Xestión do Plan Xacobeo, España); Miguel Taín Guzmán (Universidade de Santiago de Compostela, España); Mike Robinson (Nottingham Trent University, Reino Unido).
  • Consello científico: Rosanna Bianco (Università degli Studi di Bari Aldo Moro, Italia); Mercedes Brea (Universidade de Santiago de Compostela, España); Wendy Childs (University of Leeds, Reino Unido); José Antonio Corriente Córdoba (Universidad Pública de Navarra, España); José Manuel Díaz de Bustamante (Universidade de Santiago de Compostela, España); Renan Frighetto (Universidade Federal do Paraná, Brasil); Josefina Gómez Mendoza (Universidad Autónoma de Madrid, España); Domingo González Lopo (Universidade de Santiago de CompostelaEspaña); George Greenia (College of William and Mary, Virginia, EE.UU); Ariel Omar Guiance (Consejo Nacional de Investigaciones Científicas y Técnicas de Argentina, CONICET, Arxentina); Humbert Jacomet (Conservateur du Patrimoine, Conservation Régionale des M.H. d’Auvergne, Francia); Nikolas Jaspert (Universität Heidelberg, Alemaña); Kathleen Jenkins (Institute for Pilgrimage Studies, William & Mary, EE.UU); Gabor Klaniczay (Central European University of BudapestHungría); Antonio Martínez Cortizas (Universidade de Santiago de Compostela, España); Ian MckIntosh (Indiana University Indianapolis, EE.UU); Juan M. Monterroso Montero (Universidade de Santiago de Compostela, España); Antón Pombo Rodríguez (Fraternidad Internacional de Amigos del Camino de Santiago, España); Domenico Vetere (Universita degli Studi di Lecce, Italia); Guadalupe Vargas (Universidad de Veracruz, México); Carlos Villanueva (Universidade de Santiago de Compostela, España).
  • Coordinación editorial: Turismo de Galicia (Carmo Iglesias Díaz, Carla Fernández-Refoxo González, Francisco Gómez Souto)

Normas para os autores

Os idiomas aceptados para a publicación dos traballos son os seguintes: alemán, castelán, francés, galego, inglés, italiano e portugués, e os artigos enviaranse ao enderezo adlimina@xunta.gal para iniciar o seu proceso de avaliación. Os traballos non superarán as 12.000 palabras sen espazo, e poden incluír ata 20 ilustracións de material gráfico (fotografías, planos, mapas...). Deberán incluír o título no idioma orixinal, un breve resumo cunha extensión máxima de 20 liñas, así como unha serie de palabras chave relativas ao seu contido; todo iso será traducido posteriormente polo editor a castelán, galego e inglés; así mesmo, a cada traballo asignaráselle un obxecto dixital persistente (no caso de Ad Limina, un DOI).

Empregarase a tipografía Times New Roman, corpo 12, entreliñado sinxelo (nas notas ao pé de páxina, corpo 10). Todo o material complementario gráfico achegado deberá remitirse en soporte dixital: arquivos JPG/TIF, 300 dpi).

-Para libro

Pérez González, C., La iconografía de Santiago, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1999.

-Para artigo en libro

Pérez González, C., “La iconografía de Santiago”, en El Camino de Santiago. La cultura, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1999, pp. 122-132.

-Para artigo en libro coordinado ou dirixido

Pérez González, C., “La iconografía de Santiago”, en I. Sánchez Pérez  (coord.), El Camino de Santiago. La Cultura, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1999, pp. 122-132.

-Para artigo en revista

Pérez González, C., “La iconografía de Santiago”, Cuadernos de Estudios, I (1999), pp. 122-132.

Os textos presentaranse o máis limpos posible, preferiblemente sen sangrías e moito menos realizadas coa tecla de tabular ou coa barra de espazo. Cómpre ter en conta que o traballo vai recibir un tratamento de estilo que anula todo o que o autor poida facer neste sentido. Se ao longo do texto se citan títulos de obras, deberán ir en cursiva, do mesmo xeito que os latinismos e mais os préstamos. As comiñas reservaranse para as citas textuais; se estas van destacadas deberán ir sen comiñas. Se se pretende resaltar algunha palabra en concreto, esta poderá escribirse en negra, co fin de que o maquetista poida darlle despois outro tratamento.

Os artigos aceptados iniciarán o proceso de edición (corrección de estilo, maquetación etc.), para ser incluídos despois no número que corresponda, segundo a decisión da Dirección editorial; esta resérvase o dereito de decidir a inclusión das colaboracións nos números que considere pertinentes. Cando remate o proceso editorial, a maquetación preliminar do texto seralles enviada aos/as autores/as para a súa última revisión e aprobación. Os procesos de edición dos traballos adoitan desenvolverse nun prazo máximo de dous meses.

As primeiras probas de imprenta serán enviadas aos autores para a súa corrección, e estes deberán reenvialas á revista respectando os prazos fixados con anterioridade. As correccións das segundas probas serán realizadas pola Dirección e o Consello de Redacción.

No caso de que os textos sexan publicados, os autores recibirán unha copia do seu traballo editado en PDF e 2 exemplares da revista.

Os dereitos de reprodución das imaxes (fotos, planos, debuxos...) publicadas deberán ser tramitados e pagados polos autores dos artigos.

Os traballos enviados deberán ser orixinais e inéditos, cunha redacción clara e accesible. Así mesmo, desde Ad Limina promóvese o uso dunha linguaxe inclusiva, que considere a diversidade da sociedade actual, e que fomente o respecto á diferenza. Deste xeito, procurarase que os textos non conteñan estereotipos sobre minorías, e evitaranse referencias despectivas ou prexuizosas sobre persoas, pola súa orixe, cultura, xénero, etnia, orientación sexual etc.

No caso dos artigos colectivos, a orde de sinatura no seo do traballo farase en función de dous criterios. Se se trata dun artigo derivado dun proxecto, o/a investigador/a principal aparecerá en primeiro lugar, seguido do resto de colaboradores/as ordenados pola orde alfabética dos seus apelidos. Se se trata dun artigo froito dunha colaboración entre iguais, a orde das firmas seguirá o criterio alfabético, pero unha nota especificará que parte redactou cada autor.

Recoméndase aos autores/as que, despois de que o número no que participaron se edite, contribúan a difundir a publicación, tanto a través das súas redes particulares como a través de redes sociais científicas, webs persoais ou institucionais, repositorios, publicacións periódicas coas que colaboren habitualmente etc. Pola súa banda, a revista comprométese a esparexer os traballos publicados: cada número é presentado oficialmente pola Axencia de Turismo de Galicia ante os medios, e dáselle publicidade a través das súas páxinas oficiais, redes sociais etc. Actualmente, toda a colección impresa de Ad Limina pódese atopar en máis de 90 bibliotecas públicas e universitarias nacionais e internacionais.

Así mesmo, Ad Limina conta cun sistema de preservación de arquivos dixitais. Todos os arquivos, desde a primeira versión en word ata a súa versión final en pdf, son preservados polo equipo de redacción de Ad Limina a través de AMTEGA (Axencia para a Modernización dixital de Galicia), que fai copias de seguridade incrementais periódicas e totais de toda a rede dixital da Xunta de Galicia. Así mesmo, esta revista utiliza o DOI (Dixital Object Number)

 

Proceso de avaliación

Cada número de Ad Limina consta dunha parte monográfica, dedicada a unha temática específica, e unha parte xeral, titulada “Novas investigacións xacobeas”. No primeiro caso, o Consello de Redacción nomeará en cada número un coordinador de entre os seus membros, ou ben un coordinador convidado (Guest Editor) de recoñecida valía científica no mundo académico, para que se faga cargo dos artigos da parte monográfica e someta os orixinais recibidos a unha valoración externa polo sistema de lectura a dobre cego (double-blind review) que permitirá ao Consello decidir se procede ou non a súa publicación.  Do mesmo xeito, o Consello de Redacción recibirá igualmente artigos para a parte xeral, que serán tamén sometidos ao sistema de lectura a dobre cego. A revista publica, desde 2025, dous números monográficos ao ano, cada un coa súa parte monográfica e xeral (desde 2010 ata 2024 editouse un número ao ano).

A orde de publicación dos artigos aceptados será maiormente determinada pola de entrega e avaliación positiva dos textos. As primeiras probas de imprenta serán remitidas aos autores para a súa corrección e estes deberán reenvialas á revista respectando os prazos previamente fixados. As correccións das segundas probas da parte monográfica serán realizadas polo coordinador, de acordo co Consello de Redacción, así como polo secretario da revista, na parte xeral. Tras enviar un artigo, notificaráselle ao autor que foi recibido.

Os editores realizarán unha primeira avaliación do texto que se baseará nos criterios editoriais de Ad Limina, cuxo resultado lle será notificado ao autor nun prazo máximo dun mes. Se recibe unha primeira avaliación positiva, o traballo pasará a revisión por pares cegos, e comunicaráselle o resultado da segunda avaliación nun prazo aproximado de tres meses.

O artigo pode ser “aceptado” (tal como foi enviado); “aceptado con modificacións” (debe ser modificado e aceptarase unha vez que se efectuaron os cambios requiridos), neste segundo caso, o autor debe introducir os cambios sinalándoos de maneira clara nun prazo máximo de 3 semanas, e remitirá de novo o texto aos editores de Ad Limina; por último, o texto pode ser “rexeitado”, ben por falta de calidade ou porque o tema se desvía do ámbito que cobre a revista. En todos os casos, a Dirección deberá argumentar sempre de xeito diáfano e razoado as decisións editoriais.

O proceso de avaliación é de catro meses aproximadamente; cando remate este proceso, comunicaráselle ao autor o resultado final .

Xa finalizado este primeiro trámite, os artigos aceptados iniciarán o proceso de edición (corrección de estilo, maquetación etc.), para ser incluídos despois no número que corresponda, segundo a decisión da Dirección editorial. A Dirección resérvase o dereito de decidir a inclusión das colaboracións nos números que considere pertinentes. Unha vez concluído o proceso editorial, a maquetación preliminar do texto será enviada aos autores/as para a súa última revisión e aprobación. A edición dos traballos adoita desenvolverse nun prazo máximo de dous meses. O prazo total entre a recepción dun artigo e a súa publicación adoita ser de oito meses.

Ad Limina non cobra ningún tipo de cargo aos autores nin por procesar os seus artigos nin polo seu envío.

Periodicidade

Ad Limina é unha revista científica dirixida a un amplo espectro de investigadores de Santiago e a civilización da peregrinación en xeral que desde 2010 ata 2024 se  publicou anualmente; desde 2025, edítanse dous números por ano, cada un cunha parte monográfica e outra xeral que inclúe as epígrafes “Novas investigacións xacobeas”, “Recensións e bibliografía” e “Obituarios”.

 

Estatísticas

Deseguida, amósanse datos estatísticos sobre o tempo medio entre o envío de manuscritos e a publicación dos traballos desde a creación da revista, no 2010, ata hoxe. Pode consultar a información aquí.

Así mesmo, aquí pode comprobar o índice de impacto de Ad limina segundo as métricas de Dialnet (Universidad de La Rioja).

Por último, nesta ligazón pódese acceder ás estatísticas que reficten a proporción de autores e autoras de artigos, tanto por volume como total, desde a creación de Ad Limina, en 2010, ata hoxe.

Declaración ética

Turismo de Galicia e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, como editores, velarán por garantir o rigor e a calidade dos traballos presentados baixo un compromiso ético coa comunidade académica. Así, tomouse como referencia o Código de Conduta que, para editores de revistas científicas, establece o COPE: Committee on Publication Ethics. Seguindo este código, Turismo de Galicia e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, como editores, deben fomentar a independencia editorial, respectar a privacidade, protexer a propiedade intelectual, manter a integridade dos contidos que se editen e publicalos puntualmente. A Dirección da revista é a responsable de publicar ou non os artigos que chegan á redacción, unha vez recibidos os ditames de dous avaliadores externos e, en caso de discrepancias significativas entre ambos, dun terceiro. Así mesmo, a Dirección comprométese a seguir o mesmo criterio para aceptar ou rexeitar todos os artigos, de acordo coa orixinalidade, relevancia e claridade destes. Ad Limina, a través do correo electrónico adlimina@xunta.gal, ofrecerá mecanismos para apelar decisións editoriais ante o Consello Editorial.

A Dirección comprométese tamén a examinar os artigos propostos sen ter en conta a raza, o xénero, a orientación sexual, a relixión, a orixe étnica, o país de orixe ou cidadanía, ou a orientación política dos/as autores/as. Ad Limina segue as pautas do I Plan de Igualdade da Xunta de Galicia, cuxo obxectivo principal é conformar un marco de referencia para a actuación dos poderes públicos en materia de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en Galicia.

Así mesmo, a Dirección e o resto do equipo editorial comprométense a non revelar información sobre os artigos recibidos a persoas que non sexan o propio autor e os avaliadores; e garantirase que durante o proceso se preservará o anonimato tanto duns como doutros. A Dirección publicará, en caso necesario, correccións, aclaracións ou desculpas, e para mellorar o control de calidade faranse consultas puntuais a autores, revisores e mais ao Consello Editorial.

 

Autores e política antiplaxio

Con respecto aos autores, o plaxio está terminantemente prohibido; no caso de que se detecte que un traballo foi plaxiado, será eliminado da revista se xa se publicou ou non se publicará. Os autores garantirán que o artigo e os materiais asociados a el son orixinais ou non infrinxen os dereitos de autor e que se citan correctamente todas as fontes empregadas. Así mesmo, garantirán que contan cos permisos de reprodución das imaxes, infografías, ilustracións etc., que desexen incluír no seu traballo. En todo caso, é a súa responsabilidade última contar coas autorizacións pertinentes para a utilización das devanditas imaxes.

Doutra banda, deben garantir a autoría dos documentos que presentan, tanto dos textos como das imaxes. No caso de que o artigo presentado conteña achegas significativas dun ou máis autores, estes deben aparecer como coautores. Así mesmo, fanse responsables do contido do seu manuscrito, e deberán aclarar, a pedimento da Dirección, as fontes ou datos sobre os que se basea a investigación.

O autor non publicará artigos que expoñan a mesma investigación en máis dunha revista de maneira simultánea, evitando así as publicacións múltiples; e deberá asegurar que non existe conflito de intereses e divulgación; indicará tamén as fontes de financiamento da investigación, se as houbese, así como o proxecto en que se enmarca o artigo, se así for.

No caso de que un autor aprecie un erro relevante nun artigo que xa se publicou, deberá informar á Dirección da revista para que proceda á súa corrección.

No caso de que o Consello de Redacción de Ad Limina detecte que un traballo contén inexactitudes, corrixiranse de forma inmediata; por suposto informarase aos autores de calquera posible cambio ou suxestión por parte do Consello de Redacción. Os autores participarán do proceso de edición e supervisarán o seu artigo, unha vez maquetado, para que incorporen os cambios que consideren oportunos.

Por último, a través do correo electrónico adlimina@xunta.gal, os autores poderán presentar todas as súas queixas ou denuncias ante Ad Limina.

 

Avaliadores

Respecto aos avaliadores, seguirán o sistema de dobre cego (explicado na epígrafe “Proceso de avaliación e normas para os autores”); respectarán os prazos establecidos (se non fose posible, comunicaríanllo con antelación dabondo á Dirección); a revisión levarase a cabo de maneira obxectiva e os artigos revisados serán documentos confidenciais; os avaliadores poderán ofrecer bibliografía complementaria para o artigo cando consideren que o autor a omitiu; en canto á posible detección de plaxio, os avaliadores comunicaranlle á Dirección as similitudes do artigo recibido con outros textos.

Por último, respecto a un posible conflito de intereses e divulgación, calquera información reservada que se obtivo no proceso de avaliación será considerada confidencial e non se poderá empregar para fins persoais; no caso de que a revisión dun artigo entre en conflito de intereses do avaliador ‒ben por relacións de colaboración ou competencia co autor ou coa institución da cal procede‒, o avaliador rexeitará a proposta de revisión. A Dirección e mais os avaliadores comprométense a non utilizar os artigos recibidos para os seus propios proxectos de investigación sen o consentimento explícito do autor.

 

Intelixencia Artificial (IA)

Seguindo as directrices da citada páxina (COPE: Committee on Publication Ethics), Ad Limina non permite o uso de Intelixencia Artificial para a redacción de artigos; as ferramentas proporcionadas pola IA non cómpren cos requisitos de autoría, xa que obviamente non poden asumir a responsabilidade do texto presentado. En todo caso, se algún autor empregou ferramentas de IA para redactar un texto que presentase para avaliar por Ad Limina, debe especificar cales empregou, e o mesmo para a elaboración de imaxes, recollida de datos etc.  O autor responsabilizarase sempre do contido do seu traballo e será consciente dos límites que Ad limina establece á hora de admitir artigos. 

Ad Limina é unha revista de acceso aberto. Turismo de Galicia e S.A. de Xestión do Plan Xacobeo poñen á disposición do público e de balde a través da páxina web caminodesantiago.gal todos os números publicados de Ad Limina. Deste xeito, os usuarios poden descargar todos os números da revista sen pedir permiso antes.

Desde 2019 Ad Limina publícase baixo unha licenza de uso e distribución Creative Commons Recoñecemento 4.0 (CC BY 4.0) . Esta licenza facilita o acceso sen restricións aos contidos da revista permite a outros distribuír, mesturar, axustar e construír a partir da obra publicada, mesmo con fins comerciais, sempre que sexa recoñecida a autoría da creación orixinal; é dicir, é obrigatorio citar a súa procedencia en calquera reprodución total ou parcial. O que se pretende ao publicar baixo esta licenza é fomentar o intercambio global do coñecemento sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, e acadar así a máxima difusión posible.

Pode consultar a versión informativa e o texto legal da licenza aquí.

O autor do artigo que se entrega para a súa inclusión en Ad Limina autoriza a revista para que o publique, sen obriga ningunha (económica ou doutra natureza), tanto en papel como en formato dixital, así como en calquera outro medio. Esta cesión de uso do material entregado comprende todos os dereitos necesarios para a súa publicación na revista. Quedan garantidos, asemade, os dereitos morais e patrimoniais do autor, quen pode establecer por separado acordos adicionais (comerciais ou non) para a distribución non exclusiva da versión da obra publicada na revista (por exemplo, situala nun repositorio institucional ou incluíla nun libro), cun recoñecemento expreso da súa publicación inicial nesta revista.

Por último, desde Ad Limina animamos os/as autores/as a publicar artigos, aceptados para a súa inclusión na revista ou xa publicados nela, nos seus sitios web persoais ou en repositorios institucionais ou temáticos de acceso aberto (preferentemente, que estean federados na European Open Science Cloud [EOSC]), pero debe indicarse sempre que o artigo en cuestión foi publicado antes en Ad Limina e facilitar o DOI.

Derivado do dicho no parágrafo anterior, Ad Limina permite a difusión pre-print dos artigos publicados.

 


De acordo co Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea (RGPR), infórmase de que os datos persoais que chegan ao noso enderezo de correo electrónico, adlimina@xunta.gal, serán tratados exclusivamente para as finalidades indicadas de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais.

Turismo de Galicia - S. A. de Xestión do Plan Xacobeo
Estrada Santiago-Noia, km 3, A Barcia, 15897, Santiago de Compostela
adlimina@xunta.gal