4/abr/2012

O Xacobeo participa na cidade estadounidense de Orlando no Encontro Anual organizado pola Asociación American Pilgrims

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Turismo e da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo está presente estes días no encontro anual da asociación American Pilgrims, que estes días se celebra no San Pedro Center - Winter Park de Florida. Trátase dun encontro de asociacións de amigos do Camiño de Santiago que este ano congregará, ademais dos máis de 200 membros da asociación americana, aos presidentes e representantes da asociación anglófona de Canadá –Canadian Company of Pilgrims- e mais da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Xapón.

No Gathering of Pilgrims, nome oficial do encontro que ten lugar en Orlando entre os días 27 de marzo e 2 de abril, celebraranse sesións informativas, un curso de formación para hospitaleiros, un retiro espiritual e mais diversos encontros bilaterais e conferencias científicas.

No encontro abordaranse tamén reunións de traballo entre a representante do Xacobeo e a asociación americana e estudaranse proxectos como a colaboración con American Pilgrims para a promoción da película The Way de Martin Sheen e Emilio Estévez nos Estados Unidos, así como no lanzamento da venda do DVD e o disco BluRay.

O Xacobeo estará presente tamén no encontro cos representantes de The Camino Documentary. A súa directora, Lydia B. Smith colabora de forma directa con American Pilgrims, que foi o seu principal patrocinador. A presentación do documental cunha montaxe de 20 minutos foi presentada en 2011 en varias cidades de Estados Unidos, o que supuxo unha importante promoción para o Camiño de Santiago no país.

O Xacobeo participará ademais en traballos de investigación colaborando con George Greenia, o ex-presidente de American Pilgrims que impulsou a creación dun Centro de Estudos sobre as peregrinacións no Collage of William & Mary de Virginia, un dos máis antigos de EE.UU.  O centro poñerá en marcha o seu primeiro programa no mes de maio e incluirá un seminario intensivo en Santiago de Compostela impartido por profesores americanos a dez mozos investigadores estadounidenses que, deste xeito, poderán achegarse ao Camiño de Santiago abrindo portas a novas investigacións en Estados Unidos e, sobre todo, vivindo a experiencia da peregrinación.

+INFO: http://www.americanpilgrims.com/events/events_national.html