Nava Castro pon en valor o modelo de desenvolvemento turístico sustentable ao redor do Camiño de Santiago
- Destaca que o crecemento do número de peregrinos fai máis necesario marcar as pautas dun desenvolvemento sustentable integral
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2017
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe no Simposio Internacional de Hospitalidade e Xestión Medioambiental no Camiño de Santiago nunha mesa redonda sobre medioambiente, no que puxo en valor o modelo de turismo sustentable ao redor da Ruta Xacobea que se leva a cabo en Galicia.
Na súa intervención, Nava Castro fixo referencia ao crecemento expoñencial do Camiño de Santiago como un dos factores decisivos para marcar as pautas dun desenvolvemento sustentable integral “desde o punto de vista social, económico e tamén ambiental”, explicou.
Como recordou, nos últimos anos, as cifras de peregrinos van en aumento, pasando dos algo máis de 114.000 peregrinos de hai dez anos aos máis de 277.000 do ano pasado, superando así a cifra do último Ano Santo. Un crecemento parello, dixo, ao incremento da oferta e vinculado, tamén, coa necesidade de dar continuidade a ese desenvolvemento de maneira sustentable.
Nesta liña recordou algunhas das medidas levadas a cabo por Turismo de Galicia neste sentido, todas elas recollidas no Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, do que está executado máis do 60% e que contou cunha dotación de 60 millóns de euros e que contempla un total de 26 plans de acción e 85 iniciativas a impulsar para a mellora da ruta.
Entre outras, referiuse aos traballos para garantir a excelencia cos servizos ao peregrino coa intención de que os preto de 70 albergues da rede pública conten cunha xestión enerxética, hídrica e de residuos eficientes, así como a implantación da Q de calidade e rede wifi.
Tamén se referiu á intención de Turismo de Galicia por acadar un Camiño limpo e en bo estado de mantemento, cunha xestión integral de residuos, coa instalación de contedores e papeleiras de recollida selectiva elaborados con materiais harmoniosos co entorno natural, así como a plantación de especies autóctonas arbóreas restaurando con vexetación a zona dos marxes do Camiño, entre outras.