Aloe Blacc e Bettye Lavette despedirán o Galicia Importa
O ciclo, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, ofrecerá nos próximos días os dous concertos que pecharán a edición de 2011.
A primeira das citas será este domingo, 6 de novembro, en Santiago onde actuará o cantante Aloe Blacc. Dous días despois, o 8 de novembro, será a quenda de Bettye Lavette, que ofrecerá na Coruña o mellor do seu repertorio. Os dous concertos personifican o mellor soul que se pode escoitar na actualidade.
As entradas para asistir a estas actuacións poden adquirirse través das canles habituais do ciclo: a páxina web www.servinova.com, o teléfono 902 43 44 43 ou das tendas Discos Elepé en Vigo, Discos Gong en Santiago e Discos Portobello en A Coruña.
Aloe Blacc, a nova gran promesa do soul, actuará o domingo na Sala Capitol de Santiago a partir das 21,00 horas. Este mozo californiano, ao que moitos sinalan como herdeiro de Marvin Gaye, interpretará os temas do seu último disco, titulado Good Things e que o converteu na gran revelación do soul actual.
Dúas xornadas máis tarde, o 8 de novembro, o Teatro Rosalía de Castro de A Coruña acollerá ás 21,00 horas o concerto da cantante Bettye Lavette, recoñecida como unha das grandes voces do soul. Compañeira de xeración de Aretha Franklin ou de Diana Ross, nos últimos anos estivo presente nos festivais máis prestixiosos de jazz, blues ou soul, ademais dos seus shows en recintos emblemáticos como o Apollo de Nova York ou o Royal Albert Hall de Londres.
+INFO: www.galiciaimporta.com