21/abr/2010

Como alimentarse no Camiño

Unha boa alimentación é fundamental para afrontar as etapas do Camiño. Aquí lembrámosvos os consellos da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN).

Debedes ter presente que a base dunha boa alimentación do peregrino constitúena a auga e bebidas enerxéticas, e os alimentos sólidos ricos en hidratos de carbono: pan, pasta, arroz, patacas, galletas, doces, barriñas enerxéticas, froitas, froitos secos…

A preparación culinaria dos alimentos debe ser pouco elaborada, evitando excesivos condimentos, salsas e frituras.

Non debedes inxerir grandes cantidades de alimentos dunha soa vez. O aconsellable é aumentar a frecuencia do seu consumo en pequenas proporcións ou pequenas comidas.

Procurade non consumir produtos alimenticios de orixe dubidosa, aos que non esteades habituados ou que teñan unha preparación que poida constituír un risco.

É moi importante manter unha axeitada hidratación. Non esperedes a sentir sede para beber. Bebede frecuentemente auga antes, durante e despois do percorrido. As bebidas enerxéticas con sales minerais constitúen unha opción moi aconsellable.

Coidado coa auga de fontes, mananciais, arroios, regatos… atopados ao longo do Camiño. Hai que ter a absoluta certeza de que é auga potable.

Na mochila procurade levar sempre alimentos enerxéticos e auga. Non deben faltar froitas, froitos secos ou barriñas enerxéticas con electrolitos. Pola súa riqueza en enerxía, é conveniente levar un tubo de leite condensada, galletas, chocolate…

Realizade periodicamente paradas durante cada etapa para repor enerxía comendo e / ou bebendo líquidos.

Non é bo momento para comezar dietas restritivas para adelgazar. Durante estes días ides facer un gran esforzo físico e gastar enerxía que hai que repor.

O alcol non é bo compañeiro para o camiño. Evitádeo.

Tamén lembrarvos que o almorzo é a comida máis importante do día. Tede en conta que se fai despois do longo período de xaxún das horas de sono, co que cun bo almorzo o que imos a facer é poñer o nivel de azucre de novo no normal e espertar o noso metabolismo. Por iso é importante que lle adiquemos tempo e ganas a este xantar.

Non esquezades: a dieta ten que ser unha prioridade na planificación diaria das etapas do Camiño.

Que aproveite.