10/nov/2021

A Biblioteca Nacional inaugura a nova exposición coorganizada coa Xunta sobre as pegadas do Camiño na historia a través de máis de 200 pezas únicas

  • En colaboración con Acción Cultural Española, enmárcase na programación cultural do Goberno autonómico no marco do Xacobeo 21-22
  • Está comisariada polo expresidente da Real Academia Española Darío Villanueva, que contou cun reputado comité científico de diferentes disciplinas
  • Entre as pezas inclúense valiosas pinturas, unha extensa colección de manuscritos e estampas, obxectos relixiosos, revistas ou pezas musicais e cinematográficas
  • Destacan unha Biblia Sacra do S.XIII, a reprodución de instrumentos musicais do Pórtico da Gloria ou un cadro do Apóstolo pintado por Murillo, entre outras
  • Poderá visitarse ata febreiro en Madrid e itinerará en marzo de 2022 a Galicia, onde poderá verse no Museo Gaiás da Cidade da Cultura ata o mes de maio
  • Román Rodríguez salienta a intensa vontade de colaboración institucional para facer máis universais os valores do Camiño de Santiago

Madrid, 10 de novembro de 2021

A Biblioteca Nacional Española inaugurou hoxe a exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, a nova mostra coorganizada coa Xunta de Galicia e Acción Cultural Española que repasa as testemuñas e pegadas que o Camiño de Santiago deixou nos últimos séculos na historia, na cultura, na arte, na literatura ou nas paisaxes a través dunha selección de máis de 200 pezas únicas procedentes de fondos de distintas institucións e coleccións particulares. Esta mostra enmárcase na programación cultural do Goberno autonómico polo Xacobeo 21-22.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou en Madrid na rolda de prensa de presentación da exposición así como na súa inauguración, esta tarde, xunto á directora da Biblioteca Nacional Española (BNE), Ana Santos; o presidente de Acción Cultural Española, José Andrés Torres Mora, e o comisario da exposición, Darío Villanueva.

Durante o acto, o titular de Cultura da Xunta destacou a vontade de cooperación entre as distintas institucións que fai posible abrir “unha ventá directa” ás peregrinacións a través desta mostra que fai agora a súa primeira parada en Madrid para viaxar o vindeiro ano a Galicia. Neste sentido, destacou a oportunidade que supón para a Comunidade galega divulgar a historia da Ruta Xacobea nun escenario como a Biblioteca Nacional “nunha clara mostra do valor universal do Camiño de Santiago”.

Román Rodríguez agradeceu de xeito especial á Biblioteca Nacional Española e Acción Cultural Española a súa colaboración con valiosos fondos, así como ao comisario polo seu labor de documentación e intenso traballo levado a cabo nos últimos meses. Referiuse ao rigor académico co que se traballou para ofrecer “unha visión integradora da realidade social, cultural, espiritual e política que rodea o universo xacobeo” e axudar a comprender “en toda a súa esencia a identidade colectiva dos europeos”.

Baixo o título Xacobeo. As Pegadas do Camiño, a exposición engloba diferentes liñas temáticas e toma como eixo os distintos significados que ten a palabra “pegada”. Expóñense un total de 211 pezas orixinas, das que máis de 100 pertencen aos fondos e coleccións da Biblioteca Nacional Española, pero tamén se conta con pezas procedentes doutras institucións e de importantes coleccións particulares. Poden verse desde valiosas pinturas ata a unha extensa colección de manuscritos e estampas, así como obxectos relixiosos, revistas, pezas musicais ou cinematográficas.

Entre outras, destacan as Partidas de Afonso X ou unha Biblia sacra do S.XIII, ambas dos fondos da BNE; a reprodución de instrumentos musicais do Pórtico da Gloria, da Fundación Barrié de la Maza, así como un cadro do Apóstolo Santiago pintado por Bartolomé Esteban Murillo. A mostra inclúe, ademais, achegas contemporáneas como fotografías do Camiño de Santiago do galego Xurxo Lobato ou unha maqueta da Catedral de Santiago do Instituto de Estudos Galegos, entre outras.

Destacados profesionais

A exposición está comisariada polo académico Darío Villanueva, expresidente da Real Academia Española (RAE), catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, onde foi reitor. Ao labor do comisariado únese un equipo curatorial formado por Carmen Manso, historiadora da Arte e responsable da sección de Cartografía e Artes Gráficas da Real Academia da Historia; Juan Manuel Monterroso, profesor titular de Historia da Arte na USC; Paolo Caucci, presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago e profesor da Università di Studio di Perugia, e Xosé Luis Barreiro, escritor e politólogo, expertos que desenvolveron cada unha das seccións expositivas.

Xacobeo. As pegadas do Camiño poderá verse na Sala Recoletos da BNE ata o 6 de febreiro de 2022. Con posterioridade, durante os meses de marzo a maio de 2022, a mostra viaxará ao Museo Gaiás na Cidade da Cultura.