13/set/2021

Entrega do XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia 2021 a Javier Solana

  • O presidente da Xunta participou esta tarde no acto de entrega do XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia 2021 a Javier Solana
  • Sobre o galardoado Javier Solana destaca o seu afecto por Galicia e polo Camiño, así como os valores que o fan merecedor da distinción: o fervente europeísmo, a integración, a cooperación e a educación como panca de transformación

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á política útil que xera denominadores comúns, comparte receitas realistas e preserva os espazos institucionais.

Nesta liña, afirmou que servidores como Javier Solana, galardoado co XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia 2021, responderon ao desexo das sociedades de prosperar e atallar os problemas con solucións útiles e realistas.

Feijóo destacou o afecto que o político, diplomático, profesor e físico ten mostrado sempre por Galicia e polo Camiño que tantas veces ten percorrido; así como os valores que o fan merecedor desta distinción: o fervente europeísmo, a integración, a cooperación e a educación como panca de transformación.

Así mesmo, o titular da Xunta aproveitou a súa intervención para incidir en que Galicia, é o mellor lugar para acoller o encontro internacional Carta de Santiago, para promover a reflexión e o debate sobre os retos da cultura e a sociedade do futuro.

“Daremos voz a líderes internacionais para que proxecten a súa visión sobre os desafíos globais e os máis próximos. Queremos que a Carta de Santiago sexa unha resposta perdurable e decisiva na definición do que está por chegar”, aseverou, despois dunha crise sanitaria con importante impacto social e económico. Non en van, o evento contará con catro macroáreas: economía, ciencia, medioambiente e cidadanía.

Por último, destacou o labor de organismos como o Grupo Compostela para inspirar solucións apoiadas no coñecemento, a ciencia e a especialización.