13/xul/2021

Alfonso Rueda destaca a recuperación do turismo coa chegada de case 35.000 peregrinos este ano

  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou no Foro Turismo de Europa Press, no que salientou campañas como a tarxeta do bono turístico ou o seguro coronavirus para incentivar a demanda
  • Alfonso Rueda subliñou que Galicia é un destino seguro e que “fixo os deberes” para recibir a turistas e peregrinos con motivo do dobre ano Xacobeo

Madrid, 13 de xullo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta destacou hoxe a recuperación do turismo en Galicia, tendo en conta que esta semana vanse superar os 35.000 peregrinos no que vai de ano. Alfonso Rueda deu a coñecer este dato esperanzador na súa participación no Foro Turismo de Europa Press en Madrid.

Ante un auditorio formado por autoridades e expertos do sector, Rueda salientou campañas como a da tarxeta do bono turístico ou o seguro coronavirus para incentivar a demanda. Ao seu entender, debeuse a que a Xunta non estivo de brazos cruzados durante a pandemia e dedicou eses meses, en primeiro lugar, a axudar ao sector turístico e, en segundo lugar, a reactivar o sector. O primeiro, coa posta en marcha de dous plans de rescate autonómicos e un terceiro co apoio do Goberno central que sumaron, en total, 416 millóns de euros. E o segundo, con campañas como a tarxeta do bono turístico, unha iniciativa que foi imitada noutras comunidades autónomas, ou Elixe Galicia, premiada en Fitur.

Pero, como dixo o vicepresidente primeiro no foro, as previsións turísticas en Galicia non se poden prognosticar sen contar co Xacobeo, o motor da súa recuperación económica, o que semella constatarse cos datos da última fin de semana, cunha chegada continua de peregrinos a Compostela que vai propiciar que ao longo desta semana se acaden os 35.000 peregrinos no que vai de ano, augurando un segundo semestre esperanzador.

Alfonso Rueda subliñou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos porque, aos seus reclamos naturais, que coinciden cos demandados nestes novos tempos, suma a confianza que ofrece aos visitantes a través do seguro coronavirus, unha iniciativa pioneira que ofrece un plus de tranquilidade aos turistas que escollen camiñar, voar ou, en definitiva, viaxar a Galicia.