3/xuñ/2021

A Xunta e a Deputación da Coruña reforzan neste Xacobeo a colaboración para promocionar as rutas que pasan pola provincia a través da Mesa dos Camiños

  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na constitución da Mesa de Traballo do Camiño Inglés e do Camiño Fisterra-Muxía ao seu paso pola provincia da Coruña
  • Alfonso Rueda destacou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro cuns Camiños seguros nos que se levaron a cabo actuacións de conservación, sinalización e embelecemento, ademais da ampliación e mellora na rede pública de albergues

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na constitución da Mesa dos Camiños, co obxectivo de reforzar neste Xacobeo 21-22 a coordinación na promoción das rutas que discorren pola provincia.

Deste organismo forman parte tamén representantes dos municipios que atravesan estes itinerarios, así como de entidades veciñais e empresariais ou das universidades. Pola provincia da Coruña pasan os Camiños Primitivo, o Francés e o Portugués, pero destacan o Camiño Inglés e a prolongación Muxía-Fisterra, que atravesan integramente concellos coruñeses. Coa mesa constituída hoxe preténdese precisamente afondar no fomento da conservación destas dúas últimas rutas ademais de poñer en valor e dar a coñecer a nivel nacional e internacional o seu valor cultural e o seu patrimonio histórico.

Alfonso Rueda incidiu na colaboración entre o Goberno galego e a Deputación coruñesa en canto á divulgación e mellora das rutas xacobeas na provincia. Tanto no Camiño Inglés como no Camiño Fisterra-Muxía, a Xunta ten investido 2 millóns de euros en cada caso en actuacións de conservación, mantemento e sinalización.

Estas accións enmárcanse dentro do Plan Director do Camiño 2015-2021 e do Plan Estratéxico Xacobeo co obxectivo de ter acondicionados e sinalizados todos os Camiños neste Ano Santo Dobre e ofrecer a mellor imaxe de Galicia aos visitantes, xunto coa posta en marcha de axudas a concellos e particulares para o embelecemento e a mellora paisaxística da contorna das rutas. Tamén se están a acondicionar os albergues da rede pública, e a ampliala para contar neste Xacobeo con 8 novas infraestruturas onde acoller aos peregrinos.

Só neste ano o Goberno galego investirá 85,8 millóns de euros destinados a garantir a seguridade de peregrinos e turistas e promover Galicia como un destino seguro cuns Camiños seguros con tódalas medidas anticovid, á promoción do Xacobeo co obxectivo de relanzar o sector turístico é á súa programación, que se está a adaptar á situación sanitaria derivada da covid-19.

O vicepresidente primeiro destacou que Galicia está preparada para recibir a turistas e peregrinos con tódalas garantías. Por iso, esta mesma semana se activou o seguro coronavirus, unha medida pioneira na que a Xunta investiu 1,4 millóns de euros para recuperar a confianza dos viaxeiros e ofrecerlles un plus de tranquilidade. Trátase dun seguro gratuito que permite cubrir os gastos sanitarios ante un posible caso de infección por covid-19 ou pola prolongación da estancia por corentena.

Ademais, a Xunta ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas. A Deputación da Coruña sumouse a esta iniciativa cunha aportación de 300.000 euros. Por iso, a Xunta agradece a súa implicación e a da Deputación de Ourense, que tamén colabora, por ver que esta medida é positiva para axudar a coller osíxeno aos negocios do sector turístico mediante o fomento do turismo interno. Co mesmo obxectivo, o Goberno galego reactivou o programa Elixe Galicia con estadías comercializadas polas axencias de viaxes para distintos colectivos. A Xunta prevé con ambas iniciativas inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudalo na súa recuperación.