26/mai/2021

Once empresas optan á obra de mellora do albergue de peregrinos de Pontevedra

  • O proxecto está destinado a acondicionar, renovar e modernizar as instalacións deste albergue para presentar unha oferta de calidade e de sustentatibilidade e ter todo preparado para recibir aos peregrinos
  • Levaranse a cabo actuacións de eficiencia enerxética por importe de 430.000 euros e as obras contan cun prazo de duración de 6 meses

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2021

Un total de 11 empresas optaron ao proxecto das obras de melloras do albergue de peregrinos de Pontevedra, no que se farán actuacións de eficiencia enerxética por importe de 430.000 euros e cun prazo de duración de 6 meses.

O proxecto está destinado a acondicionar, renovar e modernizar as instalacións deste albergue para presentar unha oferta de calidade e de sustentatibilidade e ter todo preparado para cando a situación sanitaria permita recibir aos peregrinos. Entre as actuacións que se van levar a cabo no albergue destacan melloras na cuberta, no peche exterior da edificación ou a instalación dun novo pavimento, así como a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica. Tamén se incorporarán vidros de control solar naquelas fachadas con maior exposición ao sol, instalarase un sistema de calefacción a base de chan radiante por electricidade e un recuperador de calor de alta eficiencia para unha ventilación adecuada.

Galicia conta con máis de 3.600 prazas públicas na rede pública de albergues que se distribúen ao longo de 1.500 quilómetros polos que discorren as rutas do Camiño de Santiago e que dispoñen de todos os protocolos ante a covid-19. Ademais, a Xunta habilitou unha liña de axudas para adquirir material de protección para os establecementos turísticos, na que se incluíu tamén aos albergues privados.

O Goberno galego segue coa premisa de consolidar unha oferta turística de calidade que sexa a marca de referencia e diferenciación de Galicia como destino turístico seguro, polo que a Xunta leva tempo traballando arreo para aproveitar ao máximo esta oportunidade histórica de ter un Xacobeo que se estende ata 2022. Dende acondicionar as instalacións e ampliar a rede de albergues públicos, mellorar os contornos e, sobre todo e coa chegada da crise sanitaria, en ser un destino seguro.

Co obxectivo precisamente de reforzar o concepto de Galicia como destino seguro, a Xunta porá en marcha o seguro covid-19, que cubrirá os custos sanitarios, de transporte e aloxamento ante casos de contaxio de viaxeiros e os seus acompañantes que teñan que facer corentenas. Trátase dunha medida pioneira, que conta cun investimento de 1,4 millóns de euros para ofrecer un plus de de seguridade e recuperar a confianza aos viaxeiros.