29/abr/2021

‘Xuvenciencia’ achega obradoiros a escolares de cinco centros educativos do Camiño co apoio da Xunta a través de ‘O teu Xacobeo’

  • O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe no CEIP Paradai de Lugo na apertura desta iniciativa enmarcada no proxecto ‘Ciencia no Camiño’, promovido pola Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia

Lugo, 29 de abril de 2021

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no CEIP Paradai de Lugo na apertura do primeiro dos obradoiros científicos dirixidos a alumnado de distintos niveis educativos que o grupo XuvenCiencia da USC impartirá no marco do proxecto Ciencia no Camiño, apoiado pola Xunta a través do programa O Teu Xacobeo.

Arias salientou que este tipo de propostas, que inclúen diferentes actividades prácticas, “son moi útiles para que os rapaces e rapazas descubran a ciencia dun xeito ameno e para espertar neles futuras vocacións como investigadores ou emprendedores, ademais de trasladarlles o moito que poden aportar coa súa formación e coñecemento ao desenvolvemento do territorio no que viven”.

Os talleres continuarán nos vindeiros días en colexios e institutos doutros municipios da ruta xacobea. Así, desenvolveranse no CPI Tino Grandío de Guntín (mañá venres, 30 de abril); IES Fontem Albei da Fonsagrada (luns 3 de maio), IES O Ribeiro de Ribadavia (martes 4 de maio) e CPI Poeta Uxío Novoneyra do Courel (mércores 5 de maio).

A iniciativa Ciencia no Camiño conta cunha achega de 18.400 euros por parte da Xunta e está promovida pola Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (Afiprodel), en colaboración co grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo, a Fundación Uxío Novoneyra e o Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UdC).