10/abr/2021

Alfonso Rueda percorre o Camiño Inglés e lembra que Galicia é un destino seguro para turistas e peregrinos

  • O vicepresidente primeiro da Xunta destacou que facer o Camiño é seguro e que a comunidade está preparada para recibir aos viaxeiros cando se recupere a mobilidade
  • Anima aos galegos a realizar calquera das rutas xacobeas para descubrir os recursos turísticos da comunidade

Betanzos (A Coruña), 10 de abril de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, comezou hoxe en Betanzos unha das etapas do Camiño Inglés que iniciou onte e no que comprobou que “facer o Camiño é completamente seguro” porque se aplicaron tódalas medidas de prevención ante a covid-19 nas infraestruturas e servizos dos concellos que atravesan as distintas rutas. Ademais, destacou que o Camiño ofrece valores moi demandados na actualidade polos visitantes como os espazos abertos, non masificados e en contacto coa natureza.

Acompañado pola alcaldesa María Barral animou aos galegos a facer o Camiño para descubrir os recursos turísticos da comunidade e sinalou que este fenómeno mantén o seu tirón, como así quedou acreditado nos días festivos da pasada Semana Santa coa entrega de máis de 500 Compostelas. Por iso, confía en que cando a situación sanitaria o permita e se recupere a mobilidade, “Galicia estará preparada a recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro”. Así, a Xunta leva tempo traballando arreo na posta en marcha de medidas como o seguro coronavirus e tódalas actuacións necesarias coas que garantir a seguridade dos visitantes para que neste Xacobeo os que queiran viaxar con garantías elixan Galicia e o Camiño de Santiago.

Alfonso Rueda apelou ao “sentidiño”, ao cumprimento das normas adoptadas polas autoridades sanitarias e á prudencia para “non ter que dar pasos atrás” e, se os datos da evolución epidemiolóxica da covid-19 seguen mellorando, contar co mellor dos veráns posibles.