21/feb/2021

O Monte do Gozo contará cun punto Citypaq para facilitar o envío e recepción de paquetes para os peregrinos

  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo un encontro con “El Camino con Correos” para avanzar nesta e noutras vías de colaboración conxunta

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia e Correos veñen de acordar a instalación dun punto Citypaq para a recollida e envío de paquetes postais no Monte do Gozo. Trátase dun novo servizo especialmente pensado para os peregrinos que pasarán polas instalacións recentemente renovadas na entrada á cidade, tras culminar un proceso de posta en valor das súas instalacións por importe de preto de 7 millóns de euros.

O novo servizo encádrase na liña de recuperación dos espazos e servizos no Monte do Gozo e na cooperación con outras entidades como Correos, coa que se vén avanzando en varios proxectos de colaboración conxunta con motivo da celebración do Xacobeo 2021-2022, que implicarían distribución de produtos vencellados co Camiño a través de Correos Market ou envío de materiais promocionais.

O acordo de colaboración quedou confirmado trala xuntanza que mantivo a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, coa responsable de “El Camino con Correos”, Charo Calvo. Resta agora coñecer as necesidades loxísticas específicas para a posta en marcha deste novo punto Citypaq na meta do Camiño, que determinarán a data na que se poderá contar xa co servizo.

Cada un destes puntos Citypaq permiten ofrecer un servizo dixitalizado que facilita o envío e recollida de paquetes en moitos puntos diferentes como supermercados, gasolineiras, establecementos comerciais ou de restauración, algúns deles con horario continuado 24 horas ao día e outros con horario comercial. Correos conta xa con máis de 4000 caixas de paquetería Citypaq repartidas por todo o territorio nacional con máis de 150 delas en Galicia.

Colaboración aberta co Ano Santo

Ademais da inminente creación deste novo Citypaq, Correos mantén unha colaboración activa tanto co Camiño de Santiago como coa celebración do Ano Santo. De feito, con motivo do Xacobeo 2021-2022, a Oficina Principal de Correos en Santiago conta desde xaneiro cun cuño conmemorativo dedicado á Porta Santa da Catedral que se une a outros cuños xacobeos que os peregrinos poderán atopar en moitas das oficinas de Correos ao longo das diferentes rutas do Camiño de Santiago.