24/nov/2020

A Xunta acondiciona o miradoiro do Pino Manso de Pontecesures como zona de descanso e lecer para os peregrinos do Camiño Portugués

  • Luisa Piñeiro supervisa esta actuación, orzamentada en 42.000€ e cofinanciada co Programa de Embelecemento do Camiño, co alcalde Juan Manuel Vidal
  • Púxose en valor a contorna coa humanización de espazos, nova pavimentación, instalación de novo mobiliario, dotación dunha fonte, mellora da accesibilidade e un novo panel informativo

Pontecesures, 23 de novembro de 2020

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de financiar o acondicionamento do Miradoiro do Pino Manso, no Concello de Pontecesures, como zona de descanso e lecer de gran valor paisaxístico no Camiño Portugués e na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla ao seu paso por este municipio do norte da provincia.

Con motivo do remate desta actuación, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, supervisou a actuación na compaña do alcalde, Juan Manuel Vidal, e outros membros do goberno local. Cómpre sinalar que esta mellora na ruta xacobea contou cun orzamento de 42.000€ e foi cofinanciada polo executivo galego ao abeiro do Programa do Embelecemento do Camiño.

O proxecto consistíu na posta en valor de toda esta contorna, de gran valor paisaxístico, cunha alteración mínima do miradoiro e dos seus elementos naturais. Así, procedeuse á humanización de espazos para alonxar a zona de aparcadoiro, dotouse dunha nova pavimentación en formigón lavado a cor, instalouse unha fonte, mellorouse a accesibilidade e colocouse un novo panel informativo dos principais elementos visibles dende o miradoiro.

Ademais, tamén se dotou a esta zona de novo mobiliario urbano, para facilitar o uso de todo o espazo de descanso por parte dos peregrinos e tamén do alumnado do colexio emprazado ao outro lado da estrada, e favoreceuse a integración do Camiño coa reordenación e ocultación dos contedores de lixo nun recinto de madeira tratada.

Tras a visita, a delegada territorial destacou os esforzos de Pontecesures para ter o Camiño Portugués nas mellores condicións ao seu paso polo municipio e puxo en valor o apoio da Xunta con esta subvención para o Miradoiro do Pino Manso “no marco do Programa de Embelecemento do Camiño, que consiste en pequenas pero axeitadas intervencións, xa que as rutas deben respectar a súa esencia orixinal, pero que son fundamentais para mellorar a beleza, a comodidade e a funcionalidade do percorrido ao tempo que contribúen a dotar aos cascos urbanos, como o de Pontecesures, dunha moi boa imaxe cara os peregrinos”.