2/set/2020

A Xunta adxudica a primeira fase das obras para rehabilitar a igrexa de San Pedro, en Lugo

  • A actuación neste Ben de Interese Cultural (BIC) permitirá resolver os danos existentes e mellorar as condicións de confort no inmoble
  • O templo, desenvolto na segunda metade do século XIV, reflicte a influencia do estilo ourensán, ademais de ser a orixe dun taller específico lucense
  • Este investimento en rehabilitación é o maior feito polo Goberno galego este ano, unicamente por detrás da Catedral de Santiago de Compostela

Lugo, 2 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia vén de adxudicar os traballos da primeira fase das obras de reparación e restauración da igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo, actual igrexa de San Pedro, cun investimento superior aos 750.000 euros. Trátase dunha actuación que conta cun prazo de execución das obras de 11 ,eses e que permitirá a posta a punto deste sobranceiro ben que constitúe un dos inmobles máis singulares cos que conta a capital lucense.

A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural (BIC) permitirá resolver as patoloxías existentes no ben, así como mellorar as condicións de confort do inmoble. Neste contexto, os traballos centraranse fundamentalmente en resolver os problemas de humidade procedentes das filtracións existentes na cuberta e nas fábricas.

Ademais mellorarase a imaxe do monumento harmonizando os acabados dos paramentos exteriores e incidirase na conservación do cruceiro e de elementos construtivos e decorativos de alto valor histórico artístico como son a portada histórica, o rosetón sur, a cornixa moldurada pétrea, o vanos góticos ou os contrafortes das capelas da cabeceira. Ademais, os traballos tamén incluirán a avaliación arqueolóxica na cabeceira da igrexa.

Para poder desenvolver os traballos necesarios, a Consellería de Cultura e Turismo asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa esta igrexa do mosteiro de San Francisco de Lugo.

Este investimento supón a maior aposta pola rehabilitación dun ben histórico que fai a Xunta de Galicia este ano, só por detrás da Catedral de Santiago de Compostela. Neste contexto, cómpre destacar o compromiso coa cidade de Lugo onde se están levando a cabo obras de mantemento na Muralla de Lugo, centradas nestes momentos no cubo XXXI a través dun investimento de 377.000 euros.

Vinculada ao bispo Pedro López

A igrexa de San Francisco está protexida polo seu valor cultural ao ter a consideración de ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento desde xuño de 1931. A data da súa construción sitúase na metade do século XIV e está vinculada ao bispo Pedro López de Aguiar, que desenvolve unha gran actividade construtiva xa que, ademais de iniciar a súa construción, intervén na fundación do convento das dominicas da Nova (1363) e a construción da capela de San Froilán na Catedral.

A planta da igrexa de San Pedro é de cruz latina dunha soa nave de cinco tramos e cruceiro con cuberta de madeira e cabeceira de tres ábsidas poligonais con bóvedas de cruzaría. A súa construción reflicte a influencia do estilo ourensán, ademais de ser orixe dun taller específico lucense como consecuencia da actividade construtiva simultánea na catedral e nos conventos mendicantes.