10/Aug/2020

Cociñeiros con máis de 30 Estrelas Michelin amosan o seu apoio ao Xacobeo 2021 no proxecto "Estrelas solidarias no Camiño"

  • Figuras como Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns Torres ou Elena Arzak realizaron unha andaina pola ruta de Fisterra e Muxía desde Ponte Maceira
  • O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións agradeceu aos participantes o seu respaldo a este evento que favorecerá a proxección exterior do vindeiro Ano Santo
  • Berasategui sinalou que esta acción “debe servir como exemplo para toda España” da importancia da colaboración e a suma de esforzos á hora de avanzar na reactivación do turismo
  • O proxecto, organizado polo restaurante Casa Barqueiro, incluíu un percorrido-degustación por máis de 10 stands de produtos gastronómicos e de Galicia Calidade

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2020

Cociñeiros con máis de 30 Estrelas Michelin amosaron hoxe o seu apoio ao Xacobeo 2021 no marco do proxecto Estrelas Solidarias no Camiño, organizado polo restaurante Casa Barqueiro. Dentro desta iniciativa, algunhas das figuras máis prestixiosas do mundo da cociña como Martín Berasategui, Eneko Atxa, Jordi Cruz, os irmáns torres ou Elena Arzak realizaron unha andaina pola ruta de Fisterra e Muxía desde Ponte Maceira e, posteriormente, participaron nun percorrido-degustación con máis dunha ducia stands de produtos enogastronómico e de Galicia Calidade.

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou o potencial deste tipo de proxectos á hora de impulsar o Ano Santo e favorecer a súa proxección exterior. Neste sentido, agradeceu o interese dos cociñeiros participantes o seu respaldo ao Camiño de Santiago no marco deste proxecto, que –puntualizou– reúne valores como a enogastronomía, o impulso á Ruta Xacobea ou a solidariedade, xa que os seus beneficios irán destinados a Cáritas.

Segundo precisou, accións como Estrelas Solidarias no Camiño permiten dar un paso máis no obxectivo de poñer en marcha un Xacobeo 2021 que supoña un motor de reactivación económico, cultural e turístico tras a crise sanitaria sen perder de vista principios como o apoio a quen máis o precisa. “O talento de todos vós e as características da vosa cociña convértevos nos mellores embaixadores e aliados para Galicia”, resumiu Román Rodríguez, ao tempo que agradeceu o traballo dos irmáns Rial, propietarios do restaurante Casa Barqueiro.

Do mesmo xeito, en nome dos cociñeiros participantes, o chef Martín Berasategui, sinalou que esta acción “debe servir como exemplo en toda España” da importancia que ten a colaboración, o espírito de entendemento e a suma de esforzos entre persoas e proxectos de distintas procedencias e con distintos intereses á hora de avanzar no obxectivo común da reactivación do turismo. Así mesmo, enxalzou a calidade da cociña e dos produtos da nosa Comunidade e a hospitalidade dos galegos. “Sentímonos afortunados de ser amigos desta terra”, destacou.

Cociñeiros participantes

Ademais do conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, participaron no evento a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o director xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, o membro da Mesa del Turismo de España e da Asociación Española de Profesionales del Turismo, Alberto Barciela, e os cociñeiros David de Jorge, Elena Arzak, Eneko Atxa, Javier Torres, Jesús Sánchez, Jordi Cruz, Manuel Costiña, Marcos Granda, Martín Berasategui, Miguel Ángel Campos, Miguel Sorazu, Pachi Beamon e Sergio Torres, ademais de Fran Rial e Rogelio Rial, propietarios de Casa Barqueiro.

Tras o seu percorrido polo Camiño de Fiserra e Muxía, desprazáronse ao recindo de Galicia Espectáculo, no Polígono Industrial de Covas, onde asistiron a un encontro gastronómico organizado por Casa Barqueiro que incluíu un percorrido-degustación por máis dunha decena de stands de empresas como Clun, Coren, Cabreiroá, Estrella Galicia, Huevos Campomayor, Jamón 5Js, Mcallan, Terras Gauda, Tonica Tribute, Vermuteria Petroni, Vía Romana, Vino La Bandida, Cafés Candelas e o resto de marcas certificadas por Galicia Calide. Tamén estiveron presentes empresas como Autocares Modesto Riveiro, Bodegas Altanza, Champan Mum, Galicia Espectáculo, Eventos Alborada, Gadis ou Panadería Xallas.