28/Jul/2020

Cecilia Pereira anima a seguir fomentando os valores xacobeos entre os máis novos “como futuros peregrinos”

  • A comisaria do Xacobeo 2021 presentou hoxe no Pazo de San Roque dous contos da colección ‘Os Balbinos fan as rutas xacobeas’
  • Os volumes céntranse no Camiño Francés e na Vía da Prata e contan co apoio da Xunta de Galicia a través do programa ‘O teu Xacobeo’

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, participou hoxe no Pazo de San Roque na presentación de Os Balbinos no Camiño Francés e Os Balbinos na Ruta da Prata, dous exemplares incluídos na colección Presentación de "Os Balbinos fan as rutas xacobeas" que contan co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo.

Durante o acto de presentación, a comisaria do Xacobeo 2021 animou a seguir fomentando os valores xacobeos entre os máis novos, xa que estes son “os futuros peregrinos que percorrerán o Camiño de Santiago nos vindeiros anos e que visitarán os enclaves máis emblemáticos da nosa Comunidade”. Neste sentido, Cecilia Pereira destacou a calidade dos proxectos de O teu Xacobeo dirixidos ao público infantil e xuvenil e precisou que as iniciativas con carácter didáctico centradas na iniciación dos máis cativos na cultura do Camiño “debe ser un dos piares fundamentais na celebración do vindeiro Ano Santo”.

Os exemplares presentados hoxe son dous contos infantís ilustrados nos que se recollen os atractivos máis destacados do Camiño Francés e da Vía da Prata dando a coñecer o patrimonio cultural, histórico, xeográfico, paisaxístico, turístico, enogastronómico e festivo de cada zona.

Esta proposta está incluída en O teu Xacobeo, a convocatoria posta en marcha polo Goberno galego co obxectivo de fomentar a participación de toda a cidadanía no Xacobeo 2021, unha celebración que cobra especial importancia no actual contexto e que está chamada a ser un motor de impulso e reactivación económica para Galicia.