1/Jul/2020

Feijóo erixe Galicia como un destino seguro e apela aos valores do camiño para avanzar na reactivación económica e social tras a covid-19

  • “Hoxe, Galicia volve a ser un dos lugares de maior tradición europeísta e volve poñer en valor o que significa o Camiño: unión, solidariedade e esforzo”, di, incidindo en que a Comunidade segue a ser a terra de acollida que sempre foi
  • Apela á cautela e á prudencia e destaca a implicación de todos os concellos polos que pasan as rutas xacobeas, dos albergueiros, das asociacións de amigos do Camiño e da Igrexa
  • Se ben expón a necesidade de reorientar a celebración do Xacobeo 2021, asegura que “o que non temos é que reorientar os valores que o impulsan: a calidade, a sustentabilidade e a proximidade das súas xentes”

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, erixiu hoxe Galicia como un destino seguro e apelou aos valores do camiño para avanzar na reactivación económica e social tras a covid-19. “Hoxe é un día de ansiadas voltas. Hoxe, Galicia volve a ser un dos lugares de maior tradición europeísta, un dos piares da concordia e volve poñer en valor o que significa o Camiño: unión, solidariedade e esforzo”, aseverou, incidindo en que a Comunidade segue a ser a terra de acollida que sempre foi.

Durante o percorrido do tramo entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro, con motivo da reapertura do Camiño de Santiago, Feijóo apelou á cautela e á prudencia, que axudaron a superar os peores momentos da pandemia “e que, hoxe, nos permiten abrir outra vez os Camiños de Santiago para o mundo”. Ao respecto, destacou o labor e a implicación de todos os concellos polos que pasan as rutas xacobeas, dos albergueiros, das asociacións de amigos do Camiño de Santiago e da Igrexa, que levou a cabo un importante traballo na Catedral e no Centro de Acollida ao Peregrino para garantir as medidas hixiénico-sanitarias.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego recordou que, baixo ese compromiso coa seguridade, levouse a cabo unha apertura escalonada dos albergues públicos. Uns establecementos que manterán unha capacidade máxima do 50%, mentres que no resto de albergues permitirase incrementar a porcentaxe ata o 75%.

Ademais dos apoios para a adquisición de material de protección e facilitar a adaptación dos negocios aos requirimentos de seguridade hixiénico-sanitaria, Feijóo destacou tamén o programa Camiño Seguro para que cada etapa cumpra a normativa de saúde pública, os cursos de formación, un manual específico de seguridade para albergues e un novo sistema de reservas online. “En definitiva, a seguridade dos camiños de Santiago está garantida no contexto de prudencia e cautela que todos os peregrinos van manter”, asegurou.

Se ben a celebración do Xacobeo 2021 non se desenvolverá como se tiña previsto, Feijóo expresou o convencemento de que este permitirá avanzar na recuperación económica e social de Galicia. “É certo que temos que reorientar esta celebración pero o que non temos é que reorientar os valores que o impulsan: a calidade, a sustentabilidade e a proximidade das súas xentes. Preparación, seguridade e hospitalidade é o que ofrecemos e xuntos imos a seguir traballando para saír desta crise e ofrecer a Galicia de sempre, a Galicia dos camiños”, concluíu.