Wed Jun 03 14:00:00 CEST 2020

Galicia e Portugal coinciden na necesidade da cooperación para reactivar os fluxos turísticos e a peregrinación a Santiago

  • O conselleiro de Cultura e Turismo reuniuse coa secretaria de Estado de Turismo do país luso para avanzar en posibles accións conxuntas no Camiño Portugués

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia coa secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, para avaliar o efecto da desescalada nos fluxos turísticos entre ambas zonas e traballar conxuntamente na reactivación do Camiño de Santiago, un eido no que xa veñen cooperando con resultados satisfactorios ao longo dos últimos anos.

Nesta liña, o titular de Cultura e Turismo, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, trasladoulle á mandataria lusa o obxectivo de reforzar os vínculos entre ambos territorios retomar as liñas de colaboración abertas para poñer en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural que comparten Galicia e Portugal. Neste sentido, Román Rodríguez salientou a importancia de recuperar os fluxos entre Galicia e Portugal e de deseñar accións conxuntas, particularmente no que atinxe ao Camiño Portugués.

O traballo conxunto, tal e como explicou o titular de Cultura e Turismo do Goberno autonómico, permitirá establecer estratexias que preparen a ambos territorios para superar os obstáculos da crise sanitaria e afrontar con certezas a realidade do escenario posterior ao coronavirus afianzando a nosa imaxe como destino seguro e de confianza, precisou.

O portugués é o principal mercado estranxeiro de Galicia e supón o 20% da demanda turística internacional. Tanto é así que só no pasado ano visitaron a nosa Comunidade máis de 265.000 turistas procedentes do país veciño. Ademais, a nacionalidade lusa tamén é unha das máis frecuentes no Camiño de Santiago e Portugal é un dos principais países de procedencia na Ruta Xacobea, só por detrás de Italia, Alemaña e Estados Unidos.