1/Jun/2020

A Xunta licita as obras de restauración da igrexa de San Martiño de Lousada en Samos

  • As actuacións terán un prazo de execución de seis meses e permitirán resolver as patoloxías existentes, mellorar a accesibilidade e recuperar a igrexa para usos cultuais

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

A Xunta licitou hoxe as obras de mantemento, restauración da igrexa de San Martiño de Lousada, no concello de Samos, por máis de 210.000 euros. As actuacións terán un prazo máximo de execución de seis meses e permitirán resolver as patoloxías existentes no ben, recuperar o uso da igrexa para o culto e acondicionar os espazos exteriores do adro para mellorar a accesibilidade a este ben catalogado, protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Inventario das Normas Subsidiarias Provinciais de 1991.

O obxecto da presente contratación é acometer os traballos precisos para resolver as deficiencias detectadas no templo. Para isto consolidaranse as fábricas, tanto de muros como de arcos, devolvendo a correcta funcionalidade estrutural; executarase unha nova cuberta, conservando a tipoloxía estrutural e os materiais autóctonos, así como unha drenaxe tanto perimetral como no interior do edificio, illando o pavimento do interior das humidades do terreo. Así mesmo, está previsto efectuar unha revocadura con morteiro de cal das paredes, tanto no interior como no exterior; acometer unha nova instalación eléctrica e de iluminación; levar a cabo a restauración do campanario e os sinos, e, finalmente, acondicionar o acceso a través do adro.

Para poder desenvolver estes traballos, o Goberno galego asinou un convenio de colaboración coa Diocese de Lugo para a posta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración en varios inmobles eclesiásticos, entre os que se atopa a igrexa de San Martiño, no seo do Camiño Francés.

Primeiro románico provincial

Esta igrexa é un edificio de orixe románica de volume sinxelo e ornamentación austera. Posúe unha ábsida cadrada e unha nave principal rectangular á que se acaroa unha nave lateral ao norte, separada por dous arcos de medio punto. Entre o altar maior e a nave principal hai un arco tamén de medio punto. Ao norte da ábsida sitúase unha sancristía. A cuberta do presbiterio era a catro augas, máis alta que a da nave principal a dúas augas, configurada co sistema de par e fileira en madeira e con lousa como acabado exterior.

Fronte á fachada principal existe un cabido a dúas augas a través do que se chega á portada principal realizada en cantería de granito e arco de medio punto superior. Outra porta máis sinxela dá acceso á nave lateral. Os muros e os tres arcos interiores están realizados en cachotaría de lousa cubertos de revocadura de cal. O campanario de dobre arco elévase sobre a portada da fachada principal. O pavimento interior é de grandes lousas negras de calidade. No interior consérvase unha pía bautismal de granito, con conca e pilastra, así como restos de pinturas murais de carácter popular nos arcos.

Fotografía: El Progreso