1/Jun/2020

A Xunta licita as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés ao seu paso polo polígono do Tambre

  • As empresas dispoñen de prazo ata o 29 de xuño para presentar as súas ofertas para executar estas actuacións, que comezarán a finais de setembro e terán un prazo de execución de 6 meses
  • As obras consistirán no acondicionamento das beirarrúas, na delimitación das prazas de estacionamento e na habilitación dunha zona para que os camións manobren con facilidade e seguridade
  • As intervencións licitadas complementan ás que se están executando entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que se prevén rematar a comezos de xullo
  • Ethel Vázquez subliña que os proxectos perseguen a recuperación de espazos para as persoas, compatibilizando a actividade industrial cunha percepción do Camiño máis amable para o peregrino
  • Destaca que nestes traballos se compaxinan modernidade, tradición, cultura, identidade e seguridade viaria

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

A Xunta licitou hoxe por 1 millón de euros as obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Inglés nas rúas Garabal e Mulas, ao seu paso polo polígono do Tambre, en Santiago de Compostela.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo unha videoconferencia coa Asociación Área Empresarial do Tambre, e con representantes do Concello de Santiago, na que informou sobre este avance administrativo no proxecto de acondicionamento do Camiño Inglés nesta contorna.

Segundo recolle xa a Plataforma de contratos públicos de Galicia, as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o día 29 de xuño. Os traballos comezarán a finais de setembro, cun prazo de execución de 6 meses.

As obras licitadas son actuacións para humanizar o itinerario do Camiño Inglés nesta zona industrial, facendo compatible o paso dos peregrinos que chegan a Compostela coa normal actividade empresarial e industrial, así como coa propia do cemiterio e do tanatorio de Boisaca.

En concreto, consistirán no acondicionamento das beirarrúas; na delimitación das prazas de estacionamento (preto de 300, 50 máis das preexistentes); e na habilitación dunha zona para que os camións poidan manobrar con facilidade e seguridade.

Estas obras están encamiñadas a garantir a seguridade dos peóns e peregrinos, gañando espazo para as persoas, pero sen desatender as necesidades específicas das empresas, especialmente no que atinxe á mobilidade de vehículos de grandes dimensións.

Esta nova actuación complementará as obras actualmente en execución entre o Polígono do Tambre e o Cemiterio de Boisaca, que se prevén rematar a comezos de xullo. Os traballos que se están a acometer céntranse na reordenación das zonas de estacionamento, na construción dunha senda e na humanización das rúas, poñendo especial énfase en diferenciar as zonas de uso público das de uso privado.

Ethel Vázquez subliñou que estas obras perseguen a recuperación de espazos para as persoas, compatibilizando a actividade industrial cunha percepción do Camiño máis amable para o peregrino. Destacou que nestes traballos se compaxinan modernidade, tradición, cultura, identidade e seguridade viaria.