7/Apr/2020

Xunta e colectivos xacobeos coinciden na importancia do Camiño como motor de recuperación económica tras a crise sanitaria

  • O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo unha xuntanza de xeito telemático con representantes dunha quincena de asociacións galegas
  • Agradeceu o seu apoio para traballar "e seguir peregrinando xuntos", un labor co que propiciar a reactivación e estimular os sectores cultural e turísticos


Santiago, 7 de abril de 2020

 O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe de xeito telemático cunha quincena de representantes de diversas asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Galicia, cos que abordou a situación actual do Camiño de Santiago a raíz dos efectos de crise sanitaria do coronavirus. O representante da Xunta agradeceu o seu apoio nestas semanas e reafirmado agora no alto número de participantes nesta xuntanza. Un encontro, afirmou, que senta as bases para “seguir peregrinando xuntos” como parte dunha tarefa na que “todos somos necesarios”.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participou a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, foi avaliar a situación nun contexto inédito e coñecer as achegas destes colectivos para a reactivación do Camiño unha vez se superen as distintas fases da pandemia. A iniciativa intégrase na rolda de contacto cos sectores cultural e turístico que o conselleiro está mantendo e na que tamén ten cabida, dun xeito específico, o Camiño de Santiago.

Neste sentido, lembrou o papel do vindeiro Xacobeo 2021 como motor de recuperación para Galicia, no que pretenden incidir as distintas liñas de actuación nas que traballa o Goberno autonómico, un estímulo para a actividade económica en xeral, e dun modo particular, na activación das industrias culturais e turísticas e o tecido propio da nosa Comunidade.

Reforzar os seus valores

O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que o Xacobeo 2021 deberá reforzar aínda máis os valores que fixeron grande ao Camiño de Santiago como a solidariedade unha vez superada esta extraordinaria situación. Dado que o Camiño de Santiago é o gran emblema de Galicia, a Administración autonómica seguirá estando ao carón destas entidades para sumar e continuar impulsando unha das peregrinacións máis importantes do mundo.

Dado o seu carácter universal, indicou que a Xunta de Galicia está en contacto coas máis de 300 asociacións de amigos do Camiño de Santiago repartidas en distintos países, coa finalidade de manter un canle de comunicación estable. A todas agradeceulles o seu interese pola situación do país e os esforzos por manter vivo o espírito da Ruta Xacobea.

Colectivos participantes

No encontro, realizado por videoconferencia, participaron representantes de diferentes rutas e zonas. Así, asistiron membros da Fundación Jacobea, de Abrindo Camiño, da Asociación Camiños de Santiago pola Ribeira Sacra, da Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, da Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, da Asociación Iacobus de Tui, da Asociación Europea dos Camiños de Santiago, da Asociación de Amigos do Camiño Portugués a Santiago, da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras, da Asociación de Amigos do Camiño da Comarca de Sarria, da Asociación Cultural Amigos da Vía da Prata-Camiño Mozárabe de Ourense, da Asociación de Amigos dos Pazos e da Asociación de Amigos do Camiño Portugués en Ames e Teo.